O convenio para o proxecto, asinado coa presidenta Carmela Silva, conta cun orzamento de preto de 1.161.000 € dos que a Deputación achega case 871.000 euros
“Este proxecto, que se levaría o orzamento completo de investimentos de todo o ano de Moaña, sería inasumible sen o Plan ReacPon da Deputación. É a obra máis grande que se vai facer na vila nos últimos 12 anos”, asegurou a alcaldesa Leticia Santos na sinatura do convenio coa presidenta Carmela Silva para a rehabilitación do edificio do concello vello. Esta actuación, que apostará pola descarbonización e a economía circular, o uso de materiais sostibles e enerxías renovables e a mellora da envolvente térmica da fachada cunha pioneira solución bioclimática de fachada vexetal, será posible a través dun investimento de 1.160.815,50 € dos cales a Deputación achega 870.611,62 euros no marco do plan provincial.
A presidenta Carmela Silva cualificou o proxecto de “singular, ambicioso, e que ten valor non soamente pola rehabilitación senón tamén polo contido que se lle vai dar ao edificio, apostando polo fomento da educación como instrumento que nos iguala pero tamén pola democratización da cultura”. “Non hai nada que nos agrade máis que ser capaces de construír para as persoas” engadiu, ao tempo que enxalzou o “modelo construtivo” do proxecto que “amais da aposta pola cultura e a educación contempla unha grande modernidade na visión de impulsar edificios intelixentes dende o punto de vista medioambiental”.
“Son moi consciente –destacou a presidenta- de que os concellos, sobre todo os de menos de 20.000 habitantes, precisan de recursos extraordinarios para poder levar a cabo proxectos que non serían posibles sen eles”. Neste eido recordou que o Plan Concellos permite aos concellos facer fronte “ás cuestións ordinarias” pero destacou que “hai grandes soños e ideas para as que se precisa financiamento”. A presidenta amosou sentirse “orgullosa porque os concellos están “demostrando que teñen grandes proxectos, que saben cales son as demandas reais da cidadanía, que son moi eficientes e eficaces con poucos recursos”. Sen embargo asegurou sentirse “farta de que outras administracións como a Unión Europea, o Goberno do Estado e a Xunta non entendan que se poñen recursos incondicionados para os concellos a transformación deste país sería irrecoñecible”.
Por este motivo fixo un chamamento “para que cheguen fondos ao mundo local, para que se faga un cambio transcendental que vai mellorar a vida da xente e permitirá impulsar esas transformacións que temos que facer: a da cohesión territorial e social, a transformación dixital, a transición ecolóxica e a igualdade”. Amais, Carmela Silva tamén recordou que “a Xunta está a asinar convenios para todo tipo de dotacións e equipamentos con concellos case exclusivamente do PP” e como “presidenta da Deputación teño a obriga de defender aos concellos, particularmente os de menos de 20.000 habitantes, para que se fagan as cousas con criterios obxectivos e dando prazos para que poidan presentar os proxectos. Así teríamos moitas máis actuacións como este edificio que vai rehabilitar Moaña ou a obra no Camiño Real que a vila impulsou con recursos do plan DepoRemse da Deputación é que é un proxecto marabilloso que ten esa visión transformadora do territorio”.
Pola súa banda a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, agradeceu o apoio da Deputación de Pontevedra aos concellos a través de plans como Reacpon que son “unha oportunidade”. Destacou que “non poderíamos ter feito este investimento xa que sería inasumible, levaríase o orzamento completo de investimentos de todo o ano que precisamos tamén para outras cuestións que permitan seguir mellorando a calidade de vida da nosa veciñanza”. A alcaldesa puxo en valor a rehabilitación do concello vello “dunha relevancia enorme e fundamental que dará respostas ás demandas da mocidade, das persoas maiores e tamén ás asociacións veciñais, persoas autónomas e mulleres emprendedoras”. Tamén destacou que vai contribuír a reactivar a Rúa Ramón Cabanillas e que cumpre “moitos dos obxectivos dos Next Generation xa que fai comunidade, é sustentable e xera riqueza, actividade económica e oportunidades para a veciñanza”.
O proxecto
O proxecto suporá a posta en valor do antigo edificio do concello de Moaña, que data dos anos 20 do século pasado, e as súas dúas construcións anexas situadas nun punto neurálxico mediante unha actuación global de rehabilitación enerxética e de mellora das condicións de accesibilidade. O edificio seguirá albergando a sede de Protección Civil e ademais acollerá un moderno espazo cultural no que se situará unha sala de exposicións, un espazo multifuncional, un local de ensaio, aula de estudo individual e un espazo de traballo en grupo dirixido a persoas emprendedoras e asociacións locais.
A nova edificación será un espazo accesible, con renovados sistemas de fontanería, electricidade, telefonía, iluminación e saneamento e novas instalacións de climatización, ventilación, telecomunicacións, rego, detección de incendios e control de acceso. Na construción apostarase pola descarbonización e a economía circular, polo uso de materiais sostibles e enerxías renovables e abordarase a mellora da envolvente térmica da fachada cunha pioneira solución bioclimática de fachada vexetal.