O pleno ordinario deste mes de febreiro en Moaña, que terá lugar este xoves, non destacará pola súa extensión senón por dúas cuestións: a toma de posesión da nova concelleira do PP, Carlota Zabaleta, en substitución de José Fervenza, e o debate da moción que presenta a Mesa da Sanidade instando á Xunta a poñer unha ambulancia de reforzo na comarca e a devolver as urxencias do PAC de Cangas ao de Moaña. Ademais, na mesma proposta, piden que se cubran as vacantes que quedaron libres na Casa do Mar de Moaña tras o concurso de traslados e apoiar a mobilización prevista para o 13 de febreiro por unha Atención Primaria digna organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña e a Voz da Sanidade de Cangas.
A moción sairá adiante cos votos a favor de Bng e PSdeG xa que forman parte da Mesa dá Sanidade en representación dos grupos políticos. A dúbida está en cal será a posición da bancada do PP e de XM.
Desde a Mesa cualifican de «ilóxicas» as medidas establecidas pola Consellería de Sanidade. Consideran que manter as urxencias en Cangas provoca dificultades de desprazamento a un PAC que «a maior parte do tempo está colapsado. Tamén «unha dilatación moi importante nos tempos de resposta ante as emerxencias sanitarias que se dan en Moaña». En canto á histórica ambulancia de reforzo, tras a morte de catro persoas no que vai de ano na localidade «sen oportunidade de recibir a atención sanitaria urxente que precisaban a tempo», consideran imprescindible este terceiro vehículo de emerxencias «que poida desprazar con maior rapidez ao equipo médico do PAC en caso de urxencia vital» en lugar de que os sanitarios teñan que recorrer a trasladarse en taxi co incremento do tempo de resposta que iso xera.