Hoxe, xoves 23 de abril, é o Día do Libro e dende a Concellaría de Cultura de Moaña animan a ler en galego e recordán todos os recursos que existen a disposición na plataforma GALICIALE.
A Concellaría de Cultura, continuando coa iniciativa do anterior concelleiro Salvador Meira, seguiu celebrando estes últimos anos o Día do Libro cunha festa para os centros de Moaña que só teñen alumnado de educación infantil como son o CEI Verducedo e o CEI O Con. O obxectivo desta actividade é xuntar o alumnado dos ditos centros e levarlles un contacontos ou algún obradoiro relacionado co tema escollido para celebrar o Día do Libro e rematar a xornada cunha festa de confraternidade.
Este ano o Concelleiro Carlos Juncal tiña previsto, ademais de manter a dita xornada con estes dous colexios que non se puido celebrar, facer achegar un pequeno lote de libros a cada biblioteca de infantil de todos os centros educativos de Moaña. O pasado martes, a través de correo electrónico o Departamento de Cultura púxose en contacto con todos os colexios para que elixan os libros que o concelleiro lles entregará no inicio do vindeiro curso escolar para conmemorar o Día do Libro que non se puido celebrar no propio día, e fomentar a lectura entre a cativada.