A compostaxe individual é unha das actividades sostibles que mellor funciona na xestión dos residuos domésticos. Por iso, desde o Concello levan apostando por esta vía desde hai tempo. Coa adhesión ao programa de Sogama, realizáronse varias entregas de composteiros. A última tandada foi en xuño de 2020, cando se repartiron 100 composteiros na Casa de Cultura de Santomé.
Procedeuse á revisión de varios fogares nos que foron implantadas ditas instalacións, constatándose uns resultados plenamente satisfactorios e unha moi boa acollida do sistema por parte da veciñanza que se adheriu ao programa.
100 novos composteiros individuais
Dado o éxito desta iniciativa, o Concello solicitou a Sogama unha nova remesa de cen composteiros individuais, que desta vez se repartirán na parroquia de San Xulián.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, indicou que xa existe unha lista de persoas con reserva que quedaran sen composteiros nos primeiros repartos, pero aínda así, a listaxe de interesados en coller unha unidade segue aberta.
Poderán anotarse na lista no Rexistro municipal.