A veciñanza de Marín participou este domingo dunha mobilización “multitudinaria, contra os recortes da Xunta nos centros de saúde de Marín e Seixo e en defensa dunha atención sanitaria digna.” 3.000 persoas, segundo a organización, participaron nesta mobilización que esixiu “que cesen os recortes e que a Xunta cubra todas as prazas nos Centros de Saúde da localidade ou do contrario as protestas continuarán.”
As dúas cancelacións da manifestación, o cambio de hora desta noite e os “trastornos” polos cortes de tránsito polo Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino, non impediron que “a veciñanza marinense respondese na rúa para defender a sanidade pública.” A marcha arrancou pasadas as 12:20 da mañá encabezada pola pancarta da Plataforma “Coa nosa saúde non se xoga! contra os recortes e a privatización da sanidade pública”, á que lle seguiron outras “en defensa do centro de saúde de Seixo”, “nunca máis negocio coa saúde” que portaban técnicos de ambulancias, e outras de diferentes lugares como A Torre ou Ardán e de Plataformas de Sanxenxo, o Condado e Pontevedra que apoiaron a manifestación cunha representación “porque a redución de persoal e recursos da atención primaria aféctanos en todas as vilas galegas.”
A manifestación baixou pola rúa Jaime Janer ata a Alameda, mais tivo que mudar o percorrido inicial para proseguir pola rúa Méndez Núñez ata o lateral do concello.