As persoas interesadas poderán recollelas de balde o xoves 6 de agosto na Oficina de Turismo, situada no Auditorio de Marín, ata esgotar existencias
O Concello de Marín prepara xa a chegada dun dos acontecementos astronómicos máis relevantes das últimas décadas: a eclipse solar do próximo 12 de agosto, un fenómeno excepcional que será o primeiro eclipse total visible en
España desde 1905 e que converterá a vila nun lugar privilexiado para a súa observación.
Co obxectivo de que a cidadanía poida gozar deste espectáculo natural con todas as garantías de seguridade, o Concello repartirá 1.000 gafas homologadas de protección solar, certificadas segundo a normativa ISO 12312-2, imprescindibles
para observar o Sol sen risco para a vista.
As gafas entregaranse de balde o xoves, 6 de agosto, na Oficina de Turismo de Marín, situada no Auditorio, en horario de 10.00 a 13.30 horas e de 17.00 a 21.00 horas, ata completar as existencias. Están cedidas pola Deputación de Pontevedra.
A alcaldesa, María Ramallo, anima á veciñanza e ás persoas que visiten Marín nesas datas a achegarse a recoller as súas gafas e lembra que «estamos ante unha oportunidade histórica para contemplar un fenómeno astronómico único, pero é fundamental facelo con responsabilidade e seguindo as recomendacións dos expertos».
Un eclipse cunha ocultación do 99,54 % en Marín
Na vila, a eclipse alcanzará unha ocultación máxima do 99,54 % do disco solar, polo que o ceo escurecerase de maneira moi notable, aínda que non se producirá unha totalidade completa.
Segundo os datos do Observatorio Astronómico Nacional, o fenómeno desenvolverase cos seguintes horarios:
● Inicio da eclipse: 19.32 horas
● Máximo: 20.30 horas
● Final: 21.23 horas
A duración total será de 1 hora, 50 minutos e 9 segundos.
Precisamente por non chegar ao 100 % de ocultación, o Concello insiste en que en Marín non se deberán retirar as gafas de protección en ningún momento, nin sequera durante o instante de máxima cobertura, xa que a exposición directa ao Sol pode provocar lesións irreversibles na retina en cuestión de segundos.
Como observar a eclipse con seguridade
O cartel informativo elaborado polo Concello recolle unha serie de recomendacións básicas para unha observación segura. As gafas deben estar homologadas, atoparse en perfecto estado e colocarse antes de mirar ao Sol, retirándoas unicamente despois de apartar a vista.
Tamén se recomenda non realizar observacións continuadas superiores aos 30 segundos, facendo pequenas pausas entre elas. Como alternativa especialmente indicada para nenos e nenas, pódense empregar sistemas de proxección indirecta mediante obxectos con pequenos orificios ou unha cámara escura.
Pola contra, nunca debe observarse o Sol sen protección, nin utilizar cámaras fotográficas, prismáticos ou telescopios sen filtros específicos, así como tampouco radiografías, cristais afumados ou gafas de sol convencionais, xa que non ofrecen ningunha protección fronte á radiación solar.
Un lugar privilexiado para vivir o fenómeno
O Concello lembra que practicamente todo o litoral marinense ofrecerá excelentes condicións para contemplar a eclipse.
Recoméndase desprazarse con antelación, priorizar os desprazamentos a pé ou en transporte compartido, utilizar unicamente aparcadoiros habilitados e evitar zonas forestais para minimizar o risco de incendios.
Toda esta información, xunto coas recomendacións oficiais e os horarios do fenómeno, recóllese nun folleto divulgativo elaborado polo Concello de Marín, que estará tamén dispoñible para consulta das persoas interesadas.
