A programación, que se desenvolverá os días 14 e 15 de agosto, inclúe mercado corsario, embarcacións históricas, oficios mariñeiros, espectáculos de rúa, exhibicións, concertos e un gran espectáculo nocturno sobre a figura de Gago de Mendoza
O Concello de Marín presentou hoxe a programación completa da Festa Corsaria 2026, que se celebrará os días 14 e 15 de agosto e que chega a esta nova edición convertida nun dos grandes fitos do calendario festivo marinense, cunha participación que bate todos os récords rexistrados ata o momento.
A elevada resposta da cidadanía e da hostalería confirma o importante crecemento experimentado pola Festa Corsaria nos últimos anos. En concreto, este ano recibíronse 68 solicitudes de mesas por parte de particulares e outras 32 da hostalería, alcanzando as 100 peticións para participar nos xantares e ceas corsarios. A participación tamén medra no Concurso de Decoración Corsaria, con 26 propostas presentadas por particulares e 10 por establecementos hostaleiros, o que evidencia a implicación de veciñanza, grupos de amigos, familias e negocios nunha celebración que cada ano adquire maior dimensión e capacidade de atracción. Os premios do concurso entregaranse o sábado 15 de agosto ás 20.45 horas na Praza de España.
Dous días de programación para revivir o Marín corsario
A programación deseñada polo Concello converterá as rúas, prazas e espazos da vila nun auténtico escenario histórico durante dúas xornadas, con actividades para todos os públicos e unha importante presenza da tradición mariñeira e corsaria de Marín. Entre os principais atractivos estará o Mercado Corsario, así como as bases mariñas, que contarán coas embarcacións de Gago de Mendoza e co barco inglés. Tamén se instalará unha granxa escola e terá lugar un Encontro de Vela Tradicional do 1800, que incluirá visitas guiadas.
A programación permitirá coñecer tamén diferentes oficios tradicionais vinculados á vida mariñeira, xunto con cantos de cego, obradoiros de esgrima e tiro con arco, exhibicións de esgrima e de aves, atraccións infantís e unha ampla proposta de animación de rúa, con diferentes batucadas que percorrerán a vila ao longo da xornada. O gran espectáculo nocturno estará protagonizado pola figura de Juan Gago de Mendoza, corsario de Marín, e servirá de antesala ao gran peche da festa, con DJ Pablo Grande.
Toda a programación, cos horarios e localizacións das diferentes actividades, poderá consultarse na páxina web do Concello de Marín, nas redes sociais municipais e nos paneis informativos instalados en diferentes puntos das rúas e prazas da vila.
MONDRA e Ortiga, concertos do venres para quentar motores
O venres 14 de agosto, ás 22.30 horas na Praza de España, actuarán Ortiga e Mondra, dentro do proxecto Orballo Cultural, financiado a través da Xunta de Galicia. Xa o sábado 15, ás 19.00 horas, será a quenda da Banda de Balbina.
Unha festa que pon en valor a historia de Marín
A Festa Corsaria ten como eixo central a recuperación e divulgación dun episodio histórico vinculado á figura de Juan Gago de Mendoza e á defensa de Marín fronte ás tropas inglesas. A recreación rememora os acontecementos de agosto de 1800 en Aguete, cando o corsario marinense se enfrontou ás tropas inglesas que pretendían facerse co cargamento de prata que transportaba a fragata Alcudia con destino a Pontevedra.
A través desta recreación histórica, o Concello busca poñer en valor a historia marítima e corsaria de Marín, achegándoa á cidadanía e ás persoas visitantes e consolidando a primeira metade do mes de agosto como unha das datas máis destacadas do calendario festivo da vila.
Presentación oficial o xoves 13 na Alameda
Como previa ao inicio da Festa Corsaria, o Concello realizará o xoves 13 de agosto ás 11.00 horas na Alameda de Marín unha presentación oficial da celebración. Será un acto aberto no que se dará a coñecer a festa dun xeito especial, cun espectáculo que servirá como primeiro punto de partida dunha programación que se prolongará durante todo o venres 14 e o sábado 15.
Desde o Concello convidan á veciñanza e a todas as persoas que visiten Marín a achegarse á Alameda e participar nesta presentación, que dará o pistoletazo de saída a dúas xornadas de festa, historia e tradición.
Dispositivo especial de mobilidade
O Concello de Marín estableceu, en coordinación coa Policía Local, un dispositivo especial de mobilidade para garantir o correcto desenvolvemento da Festa Corsaria e facilitar, na medida do posible, os desprazamentos da veciñanza.
Durante a celebración haberá cortes de tráfico e restricións de estacionamento en diferentes zonas da vila, especialmente no ámbito da zona vella e nos espazos do casco urbano nos que se concentrará boa parte da programación. O Concello manterá ademais unha coordinación directa cos garaxes e comunidades de usuarios afectados polas restricións, co obxectivo de buscar solucións específicas para cada caso. Para os residentes habilitaranse tamén tarxetas específicas e espazos disuasorios de estacionamento, que permitirán facilitar a mobilidade durante o desenvolvemento da festa.
Desde o Concello de Marín faise un chamamento á cidadanía para gozar dunha Festa Corsaria que este ano medra tanto en participación como en programación, e que aspira a converterse nunha das edicións máis multitudinarias da súa historia.
O récord de solicitudes de mesas e a elevada participación no concurso de decoración demostran, segundo o Concello, que a Festa Corsaria é xa unha celebración plenamente consolidada, capaz de implicar á propia veciñanza e de atraer cada ano a máis persoas a Marín para vivir unha xornada festiva arredor da súa historia, da súa tradición mariñeira e da figura de Gago de Mendoza.

