Unha das actividades no Concello de Cangas.

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra segue a sumar éxitos nas
súas actividades de compostaxe para crianzas. No que vai de verán o plan
provincial de residuos baseado na compostaxe chegou a preto de 1.400
nenas e nenos que participaron nas ludotecas, obradoiros e campamentos
estivais dos concellos da provincia.

A comarca do Morrazo foi a máis activa con 384 participacións e co concello de Marín destacando sobre todos os demais xunto ao concello de Cangas.

As actividades educativas do Revitaliza, que se realizan principalmente durante o curso nos centros educativos de toda a provincia e de maneira máis recente durante o verán, están destinadas a nenas e nenos de Infantil, Primaria e Secundaria dentro da programación estival organizada dos municipios, xa ben campamentos urbanos, obradoiros, xornadas divulgativas ou ludotecas, mais tamén se inclúen actividades para grupos familiares.

O contido das propostas é mixto, cunha pequena parte teórica e outra práctica, traballando nos distintos aspectos da compostaxe dunha maneira lúdica para facer máis asequibles os conceptos ás crianzas que están a gozar do seu período vacacional. Neste ano, igual que en 2020 por motivo da COVID, traballouse en grupos reducidos para garantir a seguridade necesaria segundo o establecido polas autoridades sanitarias e escolares.

As cifras seguirán medrando durante este mes de setembro, xa que aínda
se poden solicitar obradoiros e charlas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *