O acto institucional do 25N, celebrado esta mañá no Salón de Plenos, incorporou unha interpretación teatral baseada en historias reais cedidas anonimamente por mulleres atendidas no CIM. A declaración municipal reclama máis prevención e un compromiso claro de acción
«Polas que non están, as que loitan, as que alumean o camiño. Por elas. Por todas». Esta mensaxe guiou o acto institucional do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, celebrado esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Marín, nun encontro dedicado á memoria das mulleres asasinadas e ao recoñecemento de todas aquelas que sofren violencia machista.
A conmemoración estreou o novo enfoque acordado no Consello Municipal da Muller: os tradicionais Premios Lazo Violeta deron paso a un recoñecemento colectivo, centrado na memoria, na dignidade, na reparación e na esperanza.
A alcaldesa, María Ramallo, reivindicou a necesidade de trasladar o compromiso institucional ao traballo diario: «O dereito das mulleres a vivir libres de violencia forma parte das decisións que nos corresponden como concello e da convivencia que construímos como comunidade».
Ramallo destacou que a igualdade debe estar presente de maneira transversal nas políticas municipais e que os recursos de prevención e asistencia teñen que ser coñecidos, accesibles e prioritarios, formando unha rede de apoio para as mulleres e as súas familias.


Unha declaración compartida e un tempo para a memoria
Rosa Prado Rodríguez, integrante da Asociación Pousos de Area e do Consello Municipal da Muller, deu lectura á declaración institucional, elaborada coas propostas da Mesa de Traballo contra a Violencia de Xénero e as achegas do Consello Municipal da Muller, e aprobada por todos os grupos políticos no último Pleno.
O documento lembrou as 47 mulleres e os tres menores asasinados por violencia de xénero no que vai de ano, así como os 38 nenos e nenas que quedaron en situación de orfandade, segundo as cifras recollidas na declaración. Tras a lectura, as persoas asistentes gardaron un minuto de silencio en memoria das vítimas e en solidariedade coas súas familias.
Historias reais para acompañar e dar esperanza
Un dos momentos centrais foi a intervención dunha actriz que puxo voz a historias reais de mulleres atendidas no Centro de Información á Muller de Marín, cedidas de maneira anónima para este acto. A proposta permitiu achegar esas vivencias desde o respecto á súa intimidade, evitando expoñer publicamente as protagonistas e poñendo en valor os seus procesos de superación.
Na súa intervención de peche, a alcaldesa agradeceu especialmente esta colaboración: «As súas vivencias de superación alumean o camiño de moitas que se atopan en situacións de vulnerabilidade e non encontran os folgos para saír adiante».
Máis recursos e atención ás distintas formas de violencia
A declaración institucional reclama reforzar o CIM, garantir a súa continuidade e seguir dotándoo dos recursos necesarios, así como fortalecer os órganos municipais de participación e coordinación. Entre as prioridades figuran a loita contra a ciberviolencia e os riscos asociados ao uso das redes sociais e da intelixencia artificial, a prevención da violencia sexual e da submisión química entre adolescentes e a educación afectivo-sexual e en igualdade, coa implicación das familias.
O texto demanda tamén mellores prestacións económicas e acceso a unha vivenda digna, atención adaptada ás mulleres con discapacidade, dependentes, maiores e migrantes, e máis recursos para aquelas que presentan problemas de saúde mental ou adiccións. Ademais, reivindica a visibilización da violencia vicaria, espazos públicos e xudiciais que eviten a revitimización e unha atención profesional máis empática.
Ramallo insistiu en que estas propostas deben ter continuidade e ser avaliadas para comprobar se melloran a vida das mulleres e da infancia. «A calidade da resposta vese no trato que reciben as mulleres cando piden información, na coordinación entre profesionais e na capacidade para detectar as súas necesidades e dar unha resposta eficaz adaptada a cada unha delas», sinalou.
O acto rematou cun agradecemento ao persoal do CIM, ás entidades do Consello Municipal da Muller, á Mesa de Traballo contra a Violencia de Xénero e ás persoas asistentes, reafirmando un compromiso que debe manterse durante todo o ano.

