A Corporación marinense vén de decretar dous días de loito oficial, hoxe e mañá, en todo o municipio como «manifestación de dó e coa intención de acompañar ás familias no duro camiño que lles toca percorrer», tal e como se pode ler na Resolución de Alcaldía, polo triste falecemento de Rubén Farto e Brais Sestelo, os dous mozos falecidos onte nun accidente de tráfico. As bandeiras dos edificios institucionais ondearán a media asta e suspenderanse todos os actos e as actividades culturais, deportivas e de ocio programadas para estes días.
A alcaldesa, María Ramallo, explicou que se trata dunha decisión de toda a Corporación. «Desde onte, atopámonos todos tremendamente consternados por esta noticia así, incapaces de encaixar esta dor. Queremos manifestar o noso pesar por esta terrible sacudida e acompañaremos ás familias neste camiño tan difícil que lles tocou percorrer», declarou a rexedora.
A alcaldesa tamén agradece as enormes mostras de condolencia que se veñen sucendendo desde o momento no que se coñeceu esta horrible noticia, procedentes de toda a cidadanía e especialmente do mundo do deporte base, ao que ambos estaban moi unidos pola súa participación en distintos clubs da nosa localidade.
Ferida grave
En canto á nova ferida grave no accidente, fontes oficiais informan de que tamén é veciña de Marín e que non se teme pola súa vida.