Trataranse un total de 163.500 imaxes, comprendidas en 364 volumes con fontes documentais, bibliográficas e cartográficas municipais
A dixitalización do noso patrimonio bucrocrático e cultural é unha necesidade que teñen que levar a cabo as institucións públicas para salvagardar toda a documentación de interese pública xerada ao longo das últimas décadas.
Nesta liña, o Concello de Marín xa leva realizado accións para catalogar dixitalmente parte do seu arquivo, á vez que se melloraba a súa conservación física, renovando caixas e encadernacións gastadas por mor do paso do tempo.
Agora, é preciso continuar cunha segunda fase, coa que se prenteden conservar 163.500 imaxes, comprendidas en 364 volumes, correspondentes a fontes documentais, bibliográficas e cartográficas, que conten con información de interese para os cidadáns do concello e para a investigación histórica e documental.
A Xunta de Goberno local aprobou recentemente o inicio do expediente de contratación desta segunda fase, na que se investirán 90.000 euros con cargo a unha subvención da Amtega (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). Ademais, deste xeito o contido poderá ser consultado e difundido a través de Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, un programa cofinanciado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.