O proxecto de Smart Mobility, nacido ao abeiro da estratexia Marín Dusi, ten por obxectivo reducir as emisións de CO2 e facilitarlle á cidadanía información en tempo real sobre o tráfico urbano e as posibilidades de estacionamento
A ordenación do espazo urbano, tal e como se constatou onte coa aprobación definitiva do PMUS (Plan de Mobilidade Urbana Sostible), é unha das prioridades nas que está a traballar o Goberno local. Un dos eixos nos que se traballa é na mellora da xestión do estacionamento público ao aire libre, que no futuro contará cunha nova ferramenta de información á cidadanía, nacida do proxecto Smart Mobility, incluido na estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.
Coa contratación recente deste proxecto, tal e como explican fontes municipais, contarase cunha plataforma que informará á cidadanía do estado de ocupación dos distintos aparcadoiros, así como do fluxo de tráfico que se dará en tempo real nas vías máis concurridas da vila, co obxectivo de que a cidadanía poida decidir con certa previsión onde probar a estacionar o seu vehículo.
O sistema funcionará mediante a recollida de imaxes a través de cámaras e enviando únicamente o dato de ocupación que hai nas distintas rúas. Ese dato publicarase na web municipal, así como nos distintos paneis que se instalarán no municipio.
Tal e como explican desde o Concello, o obxectivo desta medida é o de “reducir os desprazamentos en coche, reducindo as emisións de CO2 e permitindo que non se xeren tráficos innecesarios no corazón urbano da vila”.
Proxecto MARES e Zona 2H
Esta medida será unha pata máis de todas as estratexias de ordenación do tráfico urbano que está a levar a cabo o Goberno local, como foi a posta en marcha do Proxecto MARES (Marín Estacionamento), no que se crearon materiais de divulgación para a cidadanía con todos os aparcadoiros públicos gratuitos situados nun mapa, rexistrando os escasos minutos que os separan dos principais puntos de interese.
Ademais, a implantación da Zona 2H, de estacionamento gratuito con horario limitado, resultou todo un éxito na súa primeira fase e por iso xa se aprobou a súa ampliación a novas rúas céntricas e con moita necesidade de rotación, que será posta en marcha á maior brevidade.