As persoas interesadas en compostar poden poñerse en contacto coa área de Medio Ambiente do Concello ou co persoal do Revitaliza

O Concello de Marín conta xa cos seus dous primeiro centros de compostaxe comunitaria ao abeiro do Plan Revitaliza da Deputación. No día de hoxe rematouse a instalación na zona do Sequelo dun composteiro de seis módulos, e no día de mañá finalizarase a obra do que dará servizo ao barrio da Cañota. A posta en marcha de ambos composteiros aínda non está fixada, xa que terá que agardar ata que o persoal técnico realice as charlas formativas para a veciñanza.

As persoas interesadas en compostar o seu lixo orgánico (restos de comida e vexetais) e que vivan a menos de 150 metros do composteiro ou sexan usuarias da horta urbana do Sequelo, a pesar de que aínda non poderán facelo de maneira inmediata, si poderán apuntarse para participar na iniciativa tanto no departamento de Medio Ambiente do Concello de Marín, como nos contactos do propio Plan Revitaliza da Deputación. Ademais de crear unha lista de agarda para que chegado o momento se cite a todas as persoas apuntadas, o persoal técnico responsable de ambos composteiros irá realizando comunicacións á veciñanza no momento no que se vaian dando os primeiros pasos para o funcionamento, sempre en función das posibilidades da ‘desescalada’ e da volta á normalidade tras a crise sanitaria da COVID-19.

Coa instalación destes dous centros de compostaxe comunitaria Marín incorpórase ao grupo dos chamados ‘Concellos Revitaliza’, facendo que a totalidade dos municipios da comarca do Morrazo estean involucrados no plan provincial da Deputación. Nestes momentos, tanto o concello de Bueu, como o de Cangas, Moaña e Vilaboa teñen xa un importante número de composteiros comunitarios e de composteiros individuais instalados. De feito, este último
concello está nunha fase moi avanzada de implantación do plan, sendo dos pioneiros da provincia.

A intención da Deputación e do Concello de Marín ao instalar o centro de compostaxe comunitaria é tratar no mesmo lugar no que se producen (o que se denomina tratamento ‘en proximidade’) os biorresiduos de varias ducias de veciños e veciñas e de produtor singulares de lixo, e así evitar que vaian ao colector verde tradicional, teñan que ser recollidos polo camión e transportados a Sogama para a súa incineración, co custe ambiental e económico que iso supón.

O centro de compostaxe comunitaria de Marín será atendido polo persoal técnico do Plan Revitaliza da Deputación para garantir un correcto funcionamento e obter compost de boa calidade unha vez pasados os correspondentes meses de maduración. O persoal técnico encargarase de supervisar que a veciñanza realiza as achegas de lixo de maneira correcta e que se tapa este coa axeitada cantidade de estruturante, de realizar as aireacións, medidas de temperatura e trasvases entre os módulos de maduración, así como de controlar moitos outros parámetros do proceso de compostaxe, e vixiar que non se introducen na composteira elementos que poderían baixar a calidade do futuro fertilizante. Hai que lembrar que durante a corentena decretada polo estado de alarma todos os centros de compostaxe Revitaliza estiveron activos na provincia e incluso duplicaron o número de achegas de biorresiduos da veciñanza.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *