Visita do presidente de Sogama co Félix Juncal na planta da Mancomunidade.

A cancelación da débeda permitirá que ambas entidades asinen o convenio a finais de xuño

Félix Juncal, alcalde de Bueu e presidente actual da Mancomunidade de Concellos do Morrazo, e Javier Domínguez Lino, presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama), realizaron este xoves pola mañá unha visita á planta de residuos da Mancomunidade, situada no polígono de Castiñeiras. Domínguez Lino puido coñecer as instalacións nas que recentemente se vén de acometer o arranxo do vial de acceso e nos próximos días se comezará coa substitución da planta de transferencia.

Neste encontro, o presidente de Sogama e o da Mancomunidade manifestaron a satisfacción porque neste ano se reduciron os residuos enviados nun 3%, o que supón un incremento da reciclaxe da comarca e que supera a media galega. Ademais, cara a finais de xuño, e despois dos trámites administrativos correspondentes, ambas entidades asinarán un convenio que permitirá apoiar dende Sogama a xestión da planta, polo que se estipula que lle abonará á Mancomunidade a cantidade de 4,75 €, IVE excluído, por cada tonelada de lixo entregada.

Domínguez Lino destacou que “por fin pecharemos o convenio que desexabamos dende hai anos, e que se fará realidade en breves coincidindo co pagamento da débeda da Mancomunidade a Sogama”. Na mesma liña interveu Juncal ao remate da xuntanza, e salientou que “temos un compromiso coa redución de residuos e co incremento da reciclaxe a través de campañas informativas e a compostaxe” e “estas cifras dannos esperanza, pois demostra que o traballo estratéxico da Mancomunidade, que se afianzou nos últimos meses coa xerente e as mestras composteiras”.

A Mancomunidade está implementando moitas iniciativas que camiñan cara á redución do lixo, cunha especial atención á compostaxe, tanto comunitaria como individual nos tres concellos. De feito, a finais de maio recibirán de Sogama un novo lote de 300 composteiros individuais que serán repartidos entre a veciñanza. Iso coincidirá no tempo coa posta en marcha da recollida de biorresiduos ‘porta a porta’ entre a hostalaría.

Na visita deste xoves tamén participaron Xosé Leal, concelleiro de medio ambiente de Bueu, a xerente da Mancomunidade e responsables da empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo, Urbaser.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí