A comitiva falando cun veciño afectado o día que Deputación e Concello visitaron o vial.

A actuación de recuperación de espazo público e mellora da mobilidade peonil, que xa está execución, ten un orzamento total de 690.000 euros

O Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) volve a revalidar a aposta da Deputación polo seu modelo de mobilidade segura, amable e sostible que busca reducir a pegada de carbono na provincia e priorizar ás persoas no espazo público. Nesta ocasión faino coa concesión dunha nova achega que ascende aos 514.200 euros para financiar o proxecto de recuperación de espazo público e de mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro, que xa está en execución. A actuación ten un orzamento total de 690.000 euros polo que o IDAE asume o 74,5% do coste e a Deputación e o concello aportarán os 175.800 euros restantes.

As obras nesta estrada provincial contemplan a ampliación da plataforma de circulación e a execución dunha senda peonil en ambas marxes ademais dunha zona de convivencia de prioridade peonil naquelas áreas nas que non sexa posible levar a cabo esta senda. As obras, que se están a realizar nun tramo de 580 metros, comprenden tamén o cambio de iluminación enfocada ao aforro enerxético.

Con esta subvención, as axudas concedidas polo IDAE no que vai de ano e xestionadas pola Deputación de Pontevedra chegan aos 6,7 millóns de euros, destinados a 30 concellos da provincia e unha entidade local. Deles 2,3 millóns están a servir para a mellora das infraestruturas provinciais e a redución da pegada de carbono, 4 millóns teñen como destino a eficiencia enerxética e a iluminación exterior sostible e preto de 390.000 euros están destinados para o uso térmico en infraestruturas e instalacións municipais.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *