Membros da Comisión de Festas reuniranse esta tarde para estudar as acusacións
As declaracións do párroco de Domaio, en Moaña, Anxo Tabarés, fixeron saltar polo aire a aparente boa relación entre os membros da Comisión de Festas e a Igrexa. Segundo explica a Morrazo Noticias, decidiu poñer fin á cesión «cento por cento ilegal» a este colectivo do diñeiro que se recadaba nas capelas porque se facía «baixo unha presión moi forte ao sacerdote, con ameazas e violencia encuberta moi grandes por parte destas persoas que non son da igrexa e que que só queren aproveitarse do diñeiro gratuíto».
Tabarés chegou a Domaio en 2015 en substitución de Samuel Aristizabal, que decidiu non volver da súa viaxe a Colombia tras ser vítima dun acto violento mentres durmía no seu domicilio. Pero este problema podería vir de moito máis atrás. «Era amigo do anterior párroco, Don Xosé Capelo, e daquela cando viña a visitarlle contábame que sufría actos vandálicos contra a súa persoa, que ameazabanlle de morte, con tiralo ao mar», desvela o relixioso, asegurando que isto ocorre tamén noutras parroquias e que «nalgún momento tiña que saltar». «Este sacerdote non vai contribuír ao seu negocio», apostila.
Tabarés, que defende que este diñeiro (3.000 ou 4.000 euros) pertence á parroquia e, di non está disposto a acceder a esta chantaxe , acusa desta «presión» e «ameazas» aos «xefes» de «grupos veciñais» que «non pertencen á igrexa e que se están reunindo para ir contra a miña persoa e facer forza contra ela». «Os veciños de Domaio que si están coa parroquia sábeno e están ao tanto do que ocorre, pero hai moitas persoas que teñen medo a falar», afirma o sacerdote.
Sobre as posibles repercusións sociais e xudiciais que poidan ter as súas palabras, o párroco de Domaio asegura estar tranquilo. «Do único que teño medo é de ofender a Deus», manifesta.
A pesares de todo, Tabarés quere engadir que «este conflicto non é co pobo de Domaio a quen tanto quero e tamén síntome moi querido, se non cos intereses dun home e da súa comisión. Eles non representan o meu querido pobo de Domaio e á súa entrañable xente que son coma miña propia familia»
A Comisión de Festas ten previsto reunirse esta tarde en San Benito para analizar as declaracións do sacerdote e estudar se toman algún tipo de medida legal.