Plano da humanización da contorna do Concello.

O Concello de Moaña, a través da xunta local de goberno, aprobou onte a adxudicación das outras de humanización da contorna da Praza do Concello á empresa Servicios Ambientales del Miño por 253.936 euros, 27.577 euros menos do prezo de licitación.

O investimento se financia co Plan Concellos 2021 e co Plan Ágora, ambos da Deputación de Pontevedra.

A intención do goberno local é recuperar espazo público adicando unha maior superficie ás persoas desde o obxectivo da mellora da accesibilidade, renovar o saneamento e abastecemento, construír unha nova rede de augas pluviais, a canalización das telecomunicacións e a electricidade, renovación da rede de alumeado público completamento, con novas faloras e lámpadas LED.

A rúa pasará a estar formada por unha plataforma única na que os firmes, en diferentes cores, delimitarán as distintas zonas de uso. A plataforma da urbanización será continua con escasa diferenciación entre os bordes dos tráficos. As diferencias realizaranse en materiais, cor e texturas. Na liña de ser identificado como espazo de tráfico rodado substitúese o aglomerado asfáltico por formigón de cor marrón que une todo espazo. Para o calmado do tráfico introdúcense bandas de adoquinado con textura diferenciada que reducen a velocidade que xa existe limitada pola propia sinalización. O incremento do espazo peonil proxectado supón un aumento do 61% moito maior que o 50%.

A humanización da contorna da praza será un espazo de tráfico rodado e peonil mixto, con preferencia deste último. O tráfico rodado estará limitado en velocidade. Tívose en conta para o deseño deste proxecto cos principios da Rede de Concellos Ágora polo Espazo Público, dos criterios establecidos na Guía básica de espazos públicos e mobilidade amable e os seus anexos. Dentro desta actuación preténdese unha extensión da actual praza do Concello cun uso peonil preferente a nivel combinando, sen obstáculos de cota, o uso compartido será moi restrinxido polas limitacións que evitarán a creación dun circuíto automóbil. A actuación tamén se enmarca dentro do Plan de Mobilidade Urbana (PMUS) aprobado polo concello e que supón a guía a seguir nas novas urbanizacións.

Esta actuación, xunto con outras xa executadas ou en redacción, supón o compromiso do goberno municipal de avanzar na transformación da Moaña actual nunha Moaña máis amable e segura, onde a mobilidade peonil gaña presenza fronte a motorizada.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *