A artista Julia Mariscal chegou este mércores á Praza do Concello de Moaña coa súa performance “Ocells-textos-onades” (“Paxaros-textos-ondas”), enmarcada no programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero”. Con esta peza puxo en valor a habilidade das mulleres para renacer e reinventarse a través dun ritual no que empregou como ofrenda elementos inorgánicos e biolóxicos como a cinza, barro, o leite ou o cristal. O corpo da propia creadora, co que interactuaron estes materiais, foi o elemento central da performance, á que asistiron a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e varias concelleiras e concelleiros do municipio. A escenografía contou con panos de tea e espellos, que duplicaron os espazo e o ceo xa que algúns deles estaban colocados no chan.
Na acción tivo especial relevancia o uso das cinzas que a artista portaba no interior dos petos do seu pantalón, pegadas as súas pernas e que espallou polo chan da Praza do Concello. Empregounas como símbolo de todas as mulleres maltratadas pola violencia machista cuxos corpos están queimados e cheos de
cinzas por dentro. Julia Mariscal entrou en escena cos seus brazos recubertos de barro. Pouco a pouco foi retirándoo e, tras unha pequena demostración de cerámica, creou unhas cuncas desfacéndose así de parte do seu corpo para crear un novo. A artista tamén interactuou co leite, un elemento moi asociado á muller e á maternidade, a través dun funil de cristal que colocou na súa cabeza recollendo así a enerxía do universo. O emprego desta peza permitiu que un chorro de leite caera diante dela enchendo as cuncas que previamente realizara co barro
facendo así unha ofrenda dentro deste ritual. O funil empregado era de cristal, un material que como a violencia machista está presente pero en moitas ocasións non se pode ver.
Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama e Oia esta foi a décima acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continuará a expandir a loita feminista noutros dezanove concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, este ano o programa continuará visibilizando o talento das mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico- culturais en Caldas, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.