A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar, investirá 3,8 millóns de euros no proxecto de modernización dos sistemas de alumeado de 26 portos de titularidade autonómica, entre eles os de Cangas, Moaña e Bueu, co obxectivo de instalar sistemas de alumeado LED para crear espazos máis eficientes no consumo enerxético e aumentar a súa competitividade. As melloras introducidas permitirán acadar un aforro enerxético de ata o 60%.
Esta actuación, que se levará a cabo no período 2022 e 2023, é froito dun convenio de colaboración asinado recentemente entre a Consellería do Mar e Portos de Galicia e que foi analizado hoxe no Consello da Xunta. Así, tal e como se recolle no acordo, a Consellería destinará preto de 3,5 millóns de euros ás actuacións de mellora da iluminación nos portos pesqueiros -co cofinanciamento do Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro- mentres que o ente público financiará con arredor de 400.000 euros os traballos que se realicen nos portos comerciais e mixtos.