Javier Costa, patrón maior da Confraría de Pescadores "San Xosé" de Cangas.

É a voz do sector marisqueiro e pesqueiro de Cangas. Javier Costa, patrón maior da confraría de pescadores «San Xosé» lanza un berro de auxilio para que os responsables poñan freo ás verteduras no litoral cangués. O 112 é un teléfono recorrente para el, practicamente a diario denuncia alivios, pero recoñece que non vale para nada. Mentres tanto, a produción mingua, as economías domésticas reséntense e a saúde de todos vese ameazada.

MN: ¿Qué está a pasar coas verteduras en Cangas?

JC: É un escándalo. Son demasiados, por todos lados e de forma continua. Cando chove e cando non. Hai moitos máis que en Moaña ou en Bueu.

MN: ¿Por qué ocorre isto?

JC: A gran pregunta… Na miña opinión, isto ocorre porque os gobernos que pasan polo Concello non se poñen firmes ante a empresa que xestiona a auga de Cangas. Hai unha falta de responsabilidade do Concello e tamén da UTE porque é moi sinxelo e cun exemplo todo o mundo vai entender. Se eu como patrón do barco mando á tripulación unhas tarefas que creo que son as adecuadas para levar ao barco a bo porto e non as fan, terei que cambiar de tripulación. Pois na política é igual. Se a empresa non fai as cousas como debería, haberá que sancionala ou que cambiala. E non as fai porque o goberno non llo esixe. O que non se poden é buscar escusas continuamente. Como me pode dicir a alcaldesa que as verteduras están provocados polo caucho dos campos de fútbol? Só hai campos en Cangas? Hai cousas que se poden facer que non é cuestión de diñeiro, senón de xestión e contundencia. Están a rirse dos mariñeiros.

MN: ¿E qué se pode facer que non custe diñeiro?

JC: O primeiro, non pagar as multas da UTE. E se legalmente teñen que facelo como titulares das estacións de bombeo, que a empresa reciba unha sanción do concello por cada unha de mais denuncias que cheguen, xa sexa de Augas de Galicia, do Seprona ou de Europa, dá igual. Se eu cometo unha infracción no mar Quen me paga ao meu a multa? Evidentemente teño que facerlle fronte eu. O que non pode ser é que esas multas paguémolas todos os veciños e a empresa só teña beneficios.

MN: O goberno asegurou hai unhas semanas que non había vertidos en Cangas…

JC: Non hai máis cego que o que non quere ver. Efectivamente repiten isto continuamente e envíanme fotos asegurándome que as bombas están correctas. Pero os meus ollos ven que hai verteduras. A realidade non coincide co que di nin o goberno local nin a empresa. Existe un problema de separación de augas pluviais e fecais, iso é evidente, pero tamén temos que darnos conta de que non é o único. Por que no verán, en plena onda de calor, temos que pechar a praia de Rodeira? Iso pasou este verán, non temos que retrotraernos moito máis no tempo. É unha vergoña e unha falta de respecto cara ao pobo.

MN: ¿Qué consecuencias terá isto se non se para?

JC: Gravísimas. Xa non é só o grave problema de que como continuemos así o marisco desapareza das nosas praias en cinco anos. Nin que cada vez máis se agudice a escaseza grandísima que xa temos de camaróns, nécoras e varias especies de peixe. É unha cuestión de saúde pública. É moi fácil botarlle a culpa de todo ao cambio climático, que tamén afecta, pero non lle achaquemos todo.

MN: E con este agoiro ¿Qué sentimento hai no sector?

JC: De rabia e impotencia porque te ves que as túas denuncias non valen para nada. Están a xogar co noso pan. O sector está moi quente e en calquera momento vai explotar. Non podemos continuar así.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *