O socialista marinense Raimundo Calviño Garrido faleceu esta madrugada de forma repentina, por mor dun problema cardíaco, aos 80 anos de idade. A morte causou unha gran conmoción na familia socialista de Marín posto nesta fin de semana compartiran con el a xornada de primarias á Secretaría Xeral do PSdeG.
Calviño Garrido, veciño de Seixo e mecánico naval maior de profesión, foi nomeado en xaneiro deste ano polo ministro de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana vogal titular da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos ( CIAIM) polo seu «recoñecido prestixio e acreditada cualificación profesional» no sector marítimo. Pero a traxectoria de Raimundo foi moito máis ampla. A nivel local formou parte da corporación marinense entre 2003 e 2007.
Pésame da Alcaldesa
Precisamente, a alcaldesa de Marín, María Ramallo, en nome de todo o Concello, mostra o seu máis sentido pésame aos familiares, achegados e ao Partido Socialista de Marín polo repentino falecemento do ex concelleiro.
«Compañeiro de Corporación, decidiu entregar catro anos da súa vida á preocupación polos temas veciñais, aos problemas do rural, tratando de poñer solución e achegar posturas desde a intelixencia que dá unha traxectoria profesional impecable e que deixaba en moitas das cousas que facía», escribiu este mediodía a alcaldesa.
Ramallo quixo ter un recordo especial para a súa compañeira de viaxe, Lila, e para seus fillos. «O mellor recordó que terán del é que foi boa xente, que trataba de axudar e que observaba a vida sempre co afán de mellorala», xa que tiña unha «visión de futuro» que aplicou a todos os momentos nos que lle tocou traballar, «con moitas máis dificultades que as actuais».