Elena Estévez repetirá como candidata do Partido Popular á alcaldía de Bueu nas municipais de maio. Así o anunciaron esta mañá, tras unha reunión coa xunta local do partido á que tamén asistiron o presidente provincial, Luis López, a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, e o voceiro local de Cangas, José Enrique Sotelo.
Elena Estévez amosou o seu agradecemento pola confianza tanto dos militantes e afiliados de Bueu como da dirección provincial do partido, e recordou que mañá xusto cúmprense catro anos desde que se fixo pública a súa decisión de volver á política municipal, “e manteño exactamente os mesmos sentimentos de orgullo, de compromiso e de responsabilidade”.
Tanto Elena Estévez como Luis López din que é momento de cambio en Bueu. “Temos un Goberno no que sobra improvisación e falta planificación e xestión. O meu obxectivo é levar de novo ao Partido Popular á alcaldía. O cambio é posible e está cerca. Temos experiencia e estamos traballando de xeito comprometido, podemos conseguir a maioría absoluta que necesitamos”.
Nesta liña, recordan que nas municipais de 2019 o PP deu un paso importante, duplicando o número de concelleiros, pasando de 3 a 6 edís na corporación. “E agora volvemos a estar a tres da maioría absoluta. Quedan meses de moito traballo, de facer equipo e programa, e sobre todo, de seguir estando ao lado dos veciños”.
Para Luis López “os resultados de 2019 demostraron que Elena e o seu equipo foron os grandes protagonistas das eleccións municipais, dando un varapau a quen tiña maioría absoluta ata aquel momento. Demostrou que é a alternativa seria que necesita Bueu”.
Pon en valor a súa experiencia en política, “é unha gran profesional, con formación contrastada, e está facendo un gran traballo na oposición, cun rigor absoluto, presentando propostas serias, que provocaron que algúns dos proxectos que se están levando a cabo en Bueu sexa gracias a ela. Un traballo silencioso, e que amosa o seu compromiso cos seus veciños e coa sociedade de Bueu”. Ademais, tamén recordou que sempre está traballando e pendente dos colectivos de Bueu.
Polo tanto, considera que “fronte a un Bueu estancado, Elena lidera un equipo unido que destaca polo traballo que están facendo, e que é un exemplo dentro e fóra deste concello”. Por iso, pide seguir na mesma liña que ata o de agora, porque vai ser o que lles permita “conseguir en maio a confianza absoluta dos seus veciños”.