Pleno del Concello de Bueu.

Ambas propostas saíron adiante cos votos a favor dos grupos de BNG, PSOE e edil non adscrito

A corporación municipal de Bueu celebrou este luns, 13 de abril, a sesión plenaria ordinaria, logo de que fose suspendida a convocada para o luns anterior por non cumprírense os prazos da convocatoria. Félix Juncal, alcalde da vila, comezou o pleno de onte aludindo a esa situación e asumindo as culpas.

O asunto co que se abriu a sesión e o debate foi a aprobación da segunda modificación da Relación de Postos de Traballo (RPT). Silvia Carballo, concelleira de persoal, destacou que “se trata dun documento consensuado cos sindicatos e representantes do persoal, así como como persoal técnico e adaptado ás necesidades da cidadanía”. Así, esta modificación supón unha reestruturación nos departamentos e en diversos postos que se adaptarán á evolución da administración nestes anos. Elena Estévez, voceira do PP, botoulle en cara ao executivo que “non é normal estar cambiando a RPT cada ano e falta un estudio serio de a onde queredes ir, máis alá destas modificacións coas que pretendedes crear agravios comparativos entre o persoal”. Daniel Chapela, edil non adscrito, salientou que “se ben se bota en falta unha reunión previa para explicarnos ben esta modificación, si está claro que as administracións cambian e teñen que adaptarse ás novas necesidades”.

Félix Juncal apuntou ao remate do debate que “o organigrama da RPT era vivo e se queremos que a administración funcione de forma eficaz e preste os servizos hai que ter persoal suficiente”. A proposta aprobouse cos votos a favor do BNG, PSOE e edil non adscrito, e en contra do PP.

Por unanimidade aprobouse o seguinte asunto que era a adhesión ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias. Esta proposta suporá seguir avanzando no control e nos requirimentos de limpeza de fincas.

O debate volveu na moción presentada polo PP para a reactivación da agrupación de Protección Civil. Tal e como contextualizou a voceira popular, “o alcalde anunciou hai un ano a reactivación pero a realidade é que non se trouxo polo momento ningún acordo plenario nin pasos nese senso, polo que hai que poñer en valor esta dotación”. Xosé Leal, voceiro nacionalista, explicou que o goberno se reafirma no compromiso da necesidade de contar cun servizo de protección civil plenamente operativo e “por iso houbo xa un traballo previo, con diversas reunións”. O que finalmente se acordou foi modificar o punto para instar ao goberno local a solicitar unha nova reunión coa actual agrupación de protección civil para ver a mostra ou disposición da súa reactivación para, en caso contrario, comezar os pasos para unha nova agrupación de voluntariado. A proposta aprobouse entón por unanimidade.

E xa o último dos asuntos foi o recoñecemento extraxudicial de créditos, cun importe de 619.992,78 €. Xosé Leal, voceiro e edil da área de facenda, explicou a proposta en tres puntos. O primeiro, que este recoñecemento se trae para “cumprir con todos os provedores que prestaron servizos no ano 2025 e que non puideron pagarse co crédito dese ano”; o segundo, que a cantidade deste ano é moi inferior á do pasado ano polo que se refrenda o esforzo do goberno ao longo dos diversos exercicios; e terceiro, que a partir de agora corresponde levar a cabo unha mellora interna para contar con medios persoais para conseguir máis ingresos, incrementando a capacidade recadatoria. Daniel Chapela interveu a continuación reprobando que “o concelleiro de facenda non é capaz de dar unha ven, pois levamos varios anos nesta situación e sen que se digne a escoitar o que indica o interventor nos informes, pero aínda así vou votar a favor por responsabilidade cos provedores”. Elena Estévez, dende o PP, interveu na mesma liña declarando que “falta planificación e hai bastante malfacer do goberno que se salta todos os informes”. A proposta saíu adiante cos votos favorables de BNG, PSOE, e o edil non adscrito, mentres que o grupo do PP se abstivo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *