Isabel Figueiras este venres no pleno.

A concelleira do PP expulsada censura que Araceli Gestido abuse das súas prerrogativas para lanzar ataques persoais sen dereito a réplica mentres aplica o regulamento de forma desigual pleno tras pleno

«A expulsión con axuda da Policía non é máis que o último chanzo dunha deriva autoritaria que sufrimos cada mes». Así de contundente se expresou Isabel Figueiras, a concelleira do Partido Popular desaloxada do último Pleno, quen denuncia que a alcaldesa, Araceli Gestido (BNG), converteu as sesións nun escenario de «megamitines» finais onde ofrece datos falsos e realiza ataques constantes sen permitir o
lexítimo dereito a contestar por alusións.

Para os populares, o comportamento da presidencia da Corporación é un»abuso sistemático» das súas prerrogativas. «A alcaldesa decidiu copiar punto por punto o manual de instrucións da súa mentora política en Moaña, quen tamén expulsou a unha concelleira do PP na Mancomunidade. Aplican o regulamento e os tempos de forma desigual e as queixas da oposición caen sempre en saco roto porque o seu único obxectivo é amordazar a quen lles di as verdades á cara», sinala Figueiras.

O motivo real deste nerviosismo do goberno de BNG, PSdeG e EU é, segundo o PP, o intento de aprobar unha ordenanza do lixo «nula de pleno dereito». A formación insiste en que aprobar esta norma na Xunta de Goberno, e non na Asemblea da Mancomunidade, vulnera a Lei de Bases de Réxime Local e os propios informes da Deputación de 2016 que prohiben estas delegacións para normas sancionadoras.

«Tentan esquivar a oposición social que xa tivo o ‘taxazo’ fiscal, recorrendo agora a unha aprobación pola porta de atrás para evitar que os veciños se enteren do que lles vén enriba: multas de 2.000 euros por baixar o lixo a deshora e sancións que poden chegar aos 3,5 millóns de euros», denuncian. A ordenanza obriga ademais ao compostaxe individual baixo ameaza de castigo e impón horarios imposibles á hostalería, o que supón un novo ataque directo á economía local tras a ordenanza fiscal que xa está sendo levada aos tribunais por diversos colectivos.

Chamamento á veciñanza

Ante esta situación, o Partido Popular de Cangas anuncia que presentará alegacións antes de que remate o período de exposición pública para esixir a nulidade radical de todo o procedemento. Ao mesmo tempo, a formación anima a todos os veciños e colectivos afectados a que fagan o propio para frear este atropelo.

«O PP ponse á disposición de calquera veciño ou comerciante que queira informarse sobre como lle afecta esta ordenanza ilegal. Non imos permitir que Araceli Gestido use os seus megamitines para ocultar un novo ataque aos petos dos cangueses. Se non queren debate no Pleno, terano na rúa e nos tribunais», concluíu Isabel Figueiras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *