Os alumnos que participaron na rolda de prensa.

O salón de plenos do Concello de Bueu acolleu este venres a presentación dun proxecto
turístico elaborado polo alumnado do IES Illa de Ons. A guía – mapa ‘E ti de quen vés
sendo?’ foi unha iniciativa dos rapaces e rapazas de Lingua Galega e Literatura de 4º da
ESO, coa colaboración dos departamentos de Tecnoloxía e Educación Plástica e Visual,
e inclúe a sinalización dunha ruta cos principais recursos etnográficos, históricos e
naturais de Bueu, que nos “axuda a coñecer o pasado e a conectalo co noso presente”,
tal e como salientaron as alumnas participantes na rolda de prensa. Así, a ruta arranca na
Igrexa de San Martiño de Bueu, para avanzar cara á Senda do Río Bispo, ao Estaleiro da
Banda do Río, á Illa de Ons, ao Museo Massó, ao porto de Bueu, coa culminación nos
restos arqueolóxicos de Pescadoira.

Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, salientou que “é unha
honra para nós que a rapazada cree proxectos de divulgación da riqueza da nosa vila”, e
deu os parabéns ao profesorado e alumnado deste centro que “é todo un referente na
posta en marcha de proxectos de gran interese e relevancia, relacionados coa promoción
do galego, de igualdade e de coñecemento da nosa vila”.

Esta guía turística, que se enmarca nos Contratos-Programa da Consellería de
Educación dotados con fondos da UE, estivo coordinada polo mestre Anxo X. Rajó,
mentres que o deseño correu a cargo de Enrique Pérez, a revisión lingüística fíxoa Xoan
Rodríguez, a maquetación, Olalla García e as fotografías son da autoría de Antía Novas,
Diana Ogando, Gisela Pérez, Sara Soliño e Jessica Soliño. Pola súa banda, na creación
dos textos participaron Víctor Cestay, Carmen Comedeiro, Abel Dopazo, Brais Entenza, Iago Entenza, Iris Fandiño, Paula Fernández, Daniel Fernández, Carlos Gómez, Víctor
González, Iago López, María Méndez, Daniel Moares, Carla Moital, Aridane Moreira,
Raúl Nogueira, Antía Novas, Diana Ogando, Gisela Pérez, Alba Porto, Santiago Porto,
Alejandro Rosales, Sara Soliño, Jessica Soliño e Marta Veleda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *