O paseo de Aldán.

Os gobernos locais deberán cumprir os ‘principios Ágora’ tanto nas obras do Plan Concellos como en todos os proxectos municipais

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar formalmente en Xunta de Goberno a creación e o protocolo de actuación da rede de Concellos Ágora polo Espazo Público impulsada polo departamento de Mobilidade e Espazos Públicos. Segundo explica o deputado Uxío Benítez, responsable da iniciativa, os gobernos locais poderán comezar de xeito inmediato a tramitar
a súa adhesión, preferentemente a través de acordo plenario, para traballar no obxectivo de multiplicar o espazo destinado ás persoas no horizonte de 2023 de forma concreta e plasmable en números.

Este proxecto foi presentado en reunión telemática o pasado 14 de maio ante as alcaldesas e alcaldes da provincia, e pretende ser unha rede de acción institucional que implante o modelo de mobilidade da Deputación –coas persoas como centro de todas as actuacións- nas actuacións propias dos concellos e non só no viario dependente da institución provincial. A adhesión á rede é totalmente voluntaria, segundo dixo Benítez, xa que a Deputación pretende traballar cos municipios que demostren verdadeiro interese na recuperación do espazo público como un dereito da cidadanía. Abrirase un primeiro prazo de participación para presentar a documentación ata o vindeiro 31 de agosto.

A fórmula a través da que se formalizará a colaboración será un protocolo no que ambas partes asumen obrigas e compromisos, e que deberá ser aprobado polo órgano competente do Concello, preferentemente o Pleno da Corporación. Será obrigada a designación dunha persoa representante política e doutra representante técnica para poder manter unha relación
fluída.

No protocolo de actuación, segundo nomeou Benítez, inclúense as seguintes obrigas por parte da Deputación de Pontevedra en relación cos concellos adheridos: impulsar iniciativas, liñas de subvencións e programas de axudas en beneficio dos concellos ÁGORA para proxectos de
recuperación do espazo público e de fomento das mobilidades alternativas; xestionar a captación de recursos externos para mellorar o financiamento do proxecto, nomeadamente liñas de financiamento europeo para o cumprimento da Axenda 2030; por a disposición dos concellos adheridos persoal técnico especializado para orientar e asesorar no desenvolvemento dos obxectivos marcados.

Outros dos compromisos da institución provincial son representar ós concellos nas redes estatais Cidades que Camiñan e Cidades pola Bicicleta; difusión nacional e internacional dos Concellos ÁGORA; organizar cursos, conferencias, exposicións e outras accións formativas e elaborar material impreso e audiovisual como soporte da comunicación; impulsar accións de sensibilización nos centros educativos relacionados co espazo público, en colaboración cos concellos; creación da Facultade Ágora, dirixida principalmente a formación dos técnicos, policía local e demais persoal municipal dos Concellos Ágora; e creación dos Premios Ágora ás mellores intervencións de recuperación do espazo público.

Itinerarios peonís con anchos mínimos de 2,5 metros

Por parte dos concellos adheridos esíxese un compromiso para incrementar de cara a 2023 de xeito substancial os espazos públicos municipais destinados ás persoas, así como crear infraestruturas de mobilidade alternativa (a pé e en bicicleta). Outro dos elementos esenciais é cumprir, relatou o deputado de Mobilidade, é asumir e fomentar en todos os ámbitos
da acción municipal os conceptos plasmados nos Principios ÁGORA, así como tamén cumprir en todos os proxectos executados -sexa a través do Plan Concellos ou financiamento municipal- os criterios da Guía Básica de Espazos Públicos e Mobilidade Amable e todos e cada un dos documentos que a propia Rede acorde.

Outro dos elementos esenciais por parte dos Concellos é garantir en todas as obras itinerarios continuos e libres de obstáculos cun largo mínimo de 2,5m (preferentemente 3m); elaborar (ou ter elaborado) un Plan de Mobilidade Sustentable ou plan estratéxico semellante; comprometerse a adoptar as medidas contempladas no devandito Plan de Mobilidade
Sustentable, segundo prazos que nel se fixe; proporcionarlle datos á Deputación para o tratamento da información e establecer un cronograma de traballo vinculado a obxectivos; efectuar as achegas económicas que, no seu caso, se determinen para acometer as actuacións; e designar un representante político e un representante técnico como responsables da participación municipal en ÁGORA.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *