A empresa Construciones, Obras y Viales (COVSA) resultou adxudicataria cunha puntuación de 99,4 para realizar as obras de urbanización dos terreos de Sisalde onde se construirá o novo centro de saúde de Moaña. Uns traballos que, segundo explica a alcaldesa, Leticia Santos, comezarán como moi tarde a principios de outubro e que inclúen tamén a apertura da rúa que levará o nome de Elisa de la Peña González.
As obras, ás que se optaron 8 empresas, foron adxudicadas por 233.042 euros e deberán ter un prazo de execución de seis meses cunha redución máxima de 5 semanas e unha garantía tope de 60 meses. En canto ás melloras, poderán ter un importe de 45.257 euros.
Doutra banda, este contrato tamén inclúe a parte eléctrica, que COVSA subcontratará por 15.725 euros á empresa Sielvigo.