Reclaman a eliminación da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo
A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa adoptou, na súa Asemblea Xeral do día 18 de decembro, un acordo aprobado por unanimidade de posicionamento contra a instalación de parques eólicos no Morrazo e reclamou, no mesmo acordo, a eliminación da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo como única vía para evitar a instalación de calquera parque no futuro.
Despois dunha presentación onde se deron conta dos antecedentes, entre os cales figura o parque eólico Pedras Negras, finalmente desestimado en 2021, informaron dos contactos que empresas como ACS e Aratel iniciaron en parroquias como Ardán, Cela, Ermelo e Piñeiro e co concello de Moaña.
Da mesma forma, incidiuse que, por un lado, os procedementos de tramitación dos parques xeran desprotección da poboación na hora de realizar alegacións con prazos moi curtos e, por outro, que as repercusións dun único aeroxerador instalado afectarán a toda a comarca do Morrazo.
José Luis López, presidente da Comunidade de Montes, salienta que «a instalación de aeroxeradores de 200 metros de altura, con 75 metros de pás, terá efectos preocupantes no abastecemento de auga das traídas veciñais e, como non, na biodiversidade e saúde da poboación».
A exposición da información á asemblea de comuneiros continuou con datos referentes ao enorme custo económico da reciclaxe das pás dos aeroxeradores, reflexionando sobre se é realmente limpo o modelo centralizador de produción que se está a levar a cabo.
Frente a este modelo, existen outras alternativas de produción e consumo local mediante Comunidades Enerxéticas, como o que a Comunidade de Montes de Tameiga está a desenvolver.
Antes de tomar o acordo, visualizouse unha simulación da Área de Desenvolvemento Eólico do Morrazo para comprobar o impacto visual elaborada pola propia Comunidade de Montes de Vilaboa.
Tanatorio de Vilaboa
Outro dos temas importantes da asemblea foi a información acerca do Tanatorio de Vilaboa, construción que poderá ser iniciada nos próximos meses.
Despois duns atrancos administrativos, a construtora solicitará nos próximos días a licenza de obra para poder comezar as obras.
O proxecto do Tanatorio de Vilaboa foi iniciado hai moitos anos atrás pola Comunidade de Montes para ser construído en terreo comunal finalmente atribuído á funeraria Sepelios San Marcos.