Os traballos de reparación do vial de acceso á autovía.

O obxectivo da Xunta é poñer en servizo o ramal na semana posterior ás festas de Nadal, aínda que dependerá das condicións meteorolóxicas para garantir a calidade do firme

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras de restitución do ramal de acceso á AG-46 en Domaio, Moaña. Estes traballos na autovía de Morrazo suporán un investimento estimado de 40.000 euros e céntranse na reparación do ramal que tivo que ser pechado nos pasados días por danos causados por mor da chuvia. A actuación en execución consiste na demolición do firme do ramal no punto danado e na escavación das partes erosionadas, para encher con novo material e compactalo.

O obxectivo da Xunta é poñer en servizo o ramal na semana do 9 de xaneiro, tras as festas do Nadal, aínda que dependerá das condicións meteorolóxicas para asegurar a calidade da capa de rodadura do firme.

Esta intervención lévase a cabo tras terse realizado as correspondentes comprobacións do estado da infraestrutura, confirmándose o bo estado, tanto do paso da auga baixo a autovía, como baixo o propio ramal, polo que os danos limítanse á cuneta e ao firme do propio ramal, que se afundiu ao erosionarse pola acción da auga.

Cómpre lembrar que, xa desde o primeiro momento, o departamento de Infraestruturas da Xunta fixo unha actuación provisional para reencauzar de novo a auga e evitar que seguise deteriorando a vía.

Despois desta primeira actuación, os técnicos de conservación de estradas estiveron inspeccionando polo miúdo o resto do sistema de drenaxe do ramal para determinar con exactitude o alcance das obras concretas que era preciso executar. Deste xeito, a intervención de restitución iníciase hoxe, ao ser imposible a súa execución nos últimos días por mor da choiva.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *