Goberno local, deputado e técnicos esta mañá nos terreos de Sisalde.

A rúa será dun único sentido, con entrada por Sisalde e saída por Rosalía de Castro, terá unha calzada de 12 metros e beirarrúas de 2 e 2,5 de ancho

A parcela onde se situará o novo centro de saúde de Moaña xa comeza a tomar forma. Arrincan as obras de apertura da rúa que dará acceso ás novas instalacións e que levará o nome da activista Elisa González de la Peña, nomeada tamén hai apenas uns meses Filla Adoptiva de Moaña a título póstumo. «Para nós é unha honra dedicarlla», recoñeceu a alcaldesa, Leticia Santos, ao destacar que se trata dun vial «moi importante que vai dar acceso aos terreos que imos cederlle ao Sergas para que constrúa un centro de saúde que leva reclamando desde hai máis de 20 anos».

Esta rúa será de sentido único para permitir darlle máis espazo aos peóns con beirarrúas máis anchas e reservar espazo para 40 prazas de aparcamento próximas ao edificio sanitario. Así, contará cunha calzada de 12 metros de ancho e beirarrúas de 2 e 2,5 metros. Accederase desde a rúa Sisalde e terá saída pola de Rosalía de Castro.

Técnicos e Concello tamén están a traballar en conectar a área sanitaria co actual aparcadoiro do antigo cuartel para ampliar o número de prazas de estacionamento. Para iso, prevese converter as parcelas que quedan fóra do ámbito municipal nunha zona verde onde poida situarse unha ponte de uso peonil que enlace o centro de saúde coa explanada.

Planos do vial e do uso dos terreos.

O camiño ata chegar ao día de hoxe foi longo e complexo. O inicio das obras de urbanización, que se prevé teñan unha duración de 5 meses, estivo precedido por unha extensa e dura negociación cos propietarios das parcelas afectadas e coa consellería de Sanidade. Finalmente, e segundo o acordado, ao terminar os traballos os donos dos terreos poderán dispoñer deles novamente para o que precisen con importantes facilidades de pago ao Concello que foi o que adiantou o diñeiro mediante o sistema de Cooperación que lle permitiu liderar o proceso.

O custo destas obras está financiado, en parte, polo Plan Concellos 2020 con 113.000 euros. O deputado provincial, Santos Héctor, definiu a actuación como «un proxecto do século XXI» que, ademais de dotar a Moaña dun centro de saúde adecuado ás súas necesidades, tamén vai eliminar unha bolsa de maleza importante situada no centro do municipio.

Entrega dos terreos á consellería de Sanidade

O goberno local de Moaña atópase á espera de que o Rexistro da Propiedade finalice os trámites para converter ao Concello en propietario das parcelas sobre as que se construirá o centro de saúde. Unha vez reciba esta acreditación, será o pleno quen aprobe a entrega dos terreos á consellería de Sanidade. Esta sería a última obrigación do consistorio moañés recollida no convenio asinado pola Xunta en febreiro de 2020, a partir de aí sería a administración autonómica a responsable de levantar as instalacións.

«Chegar coas máquinas e dicir que imos con rumbo fixo ao centro de saúde é algo que nos fai sentir moi orgullosos a todo o goberno local e aos colectivos que compoñen a Mesa Local dá Sanidade», expresou Leticia Santos, a quen agradeceu o seu traballo «imprescindible» para conseguir que Moaña teña un centro de saúde sen recortes».

Bolsa de vivendas de alugueiro

Neste ámbito o Concello conta cunha parcela de grandes dimensións na que o goberno local ten proxectado construír un edificio destinado a vivendas de alugueiro e en cuxos baixos instalará servizos municipais. Trátase dun proxecto independente que comezará a perfilarse nun futuro próximo, unha vez o novo centro de saúde estea en marcha.

Os asistentes diante do cartel das obras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *