Carmela Silva y Félix Juncal na presentación do muro en Bueu.

Carmela Silva reivindicou a necesidade de tomar o espazo público con accións que visibilicen que as mulleres asasinadas “teñen nome e apelidos”

A importancia da sororidade, de crear unha rede de apoio entre as mulleres e de
rachar cos vínculos da violencia machista está plasmada dende hoxe no Centro
Social de Bueu grazas a “A contradición como potencia”, un mural de grandes
dimensións realizado por Milu Correch. A artista levou a cabo esta obra no marco
do programa da Deputación “Mulleres en Acción. Violencia Zero” e xunto á
presidenta provincial, Carmela Silva, a deputada de igualdade, Victoria Alonso, o
alcalde de Bueu, Félix Juncal, e membros da corporación local inaugurou o mural
nun acto marcado polo compromiso coa igualdade.

Tal e como acontece en gran parte da obra de Milu Correch, o papel da muller
xoga un papel destacado nesta creación na que se amosan dúas figuras
femininas abrazadas, arroupándose e apoiándose nunha escena na que se intúe
unha situación de vulnerabilidade e abatemento por parte dunha delas. A artista
deixa na mirada das persoas espectadoras as distintas interpretacións que esta
situación pode ter. Ademais, o mural amosa corpos femininos afastados dos
estereotipos e que normalizan e poñen en valor a diversidade nas persoas fuxindo
deste xeito dos estereotipos impostos pola sociedade. Durante o seu proceso de
creación, Milu Correch estivo acompañada pola veciñanza de Bueu quen se
interesou en todo momento pola obra e a quen a artista agradeceu o cariño que
lle amosaron durante os días que estivo subida a un guindastre para poder chegar
a todos os recunchos da fachada lateral deste Centro Social.

O mural pon de manifesto unha violencia que padecen as mulleres nos seus
propios fogares e que “moitas veces é absolutamente inconsciente”, afirmou
Carmela Silva. A presidenta quixo lembrar ás 28 asasinadas por violencia
machista no que vai de ano e puxo a xuño como exemplo dun “mes negro” con
nove feminicidios. “Se os asasinatos foran por calquera outro motivo estaríamos
na rúa dicindo que é insoportable. Non son cifras, son mulleres con nome, apelidos e fillas e fillos que quedan orfos”. Por iso a Deputación levou a Bueu o
programa “Violencia Zero” cunha acción na que se denuncian e visibilizan
“cuestións tan relevantes que afectan á metade da poboación e que hai que levar
ao espazo público a través da arte, e axudarnos así do seu enorme poder para
provocar debates, cambiar e mellorar”. Para a presidenta provincial esta obra
“reclama que todas as persoas poidamos ser iguais, felices e vivir en vivir en
liberdade sen que haxa ningún impedimento nin violencia que nos free”.

O alcalde de Bueu subscribiu as palabras de Carmela Silva ao asegurar que “a
forza das mulleres a nivel mundial é algo imparable aínda que segue habendo
contradicións na sociedade posto que aos homes tamén nos custa cambiar esas
mentalidades nas que fomos educados e coas que medramos”. Para Félix Juncal
o Centro Social é agora un lugar “transformado que se converteu nun espazo de
igualdade” e deixou sobre a mesa a posibilidade de renomear á praza fronte á
que se sitúa o mural como “Praza de Igualdade”.

O mural inaugurado en Bueu é a décimo oitava das 25 accións da actual VI
edición de “Mulleres en Acción. Violencia Zero”, co lema “Emerxencia cultural,
urxencia feminista! Ni un paso atrás na loita cara a igualdade”. No que resta deste
ano haberá outras sete propostas en outros tantos concellos da provincia ata os
que a Deputación levará arte, música, accións de danza ou escénicas
protagonizados por mulleres para reivindicar o fin das violencias machistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *