A delegada territorial, acompañada da alcaldesa Victoria Portas, entregou os diplomas desta iniciativa laboral na que se formaron 20 cangueses, e que contou cun investimento de 347.000 euros do Executivo autonómico
A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández- Tapias, clausurou este xoves xunto á alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, o obradoiro de emprego de formato dual Granxa da Rúa X, no que se ofreceu formación e traballo a 20 persoas desempregadas durante os últimos nove meses, e que contou cun investimento de 347.000 euros do Executivo autonómico.
Durante o acto de entrega de diplomas celebrado nas dependencias de protección civil do concello, a representante autonómica incidiu no obxectivo fixado de incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e mellorar a empregabilidade das persoas participantes, ofrecéndolles unha formación para o emprego teórica e práctica de calidade.
No caso concreto de Granxa da Rúa X, os participantes recibiron formación en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes, repoboación forestal e tratamentos silvícolas e operacións de vixilancia e extinción de incendios forestais e apoio a continxencias no medio natural e rural. Actuacións todas elas que se desenvolveron en distintos terreos forestais propiedade dalgunha das tres mancomunidades de montes de Cangas, nas parroquias de Coiro, Darbo e Hío.
Fernández-Tapias destacou así a dobre dimensión dos programas formativos activados pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, e nomeadamente dos obradoiros duais, cunha “pegada tanxible na propia contorna” e un alto nivel de inserción laboral de preto do 60%. “ “Experiencias formativas que teñen en conta a realidade social e económica de Galicia, adaptándose á demanda das empresas da contorna”, dixo, ao tempo no que salientou a simbiose entre formación e emprego como fórmula de éxito. Especial énfase puxo en que se trata dun programa orientado á xente sen traballo “co que reciben unha remuneración durante nove meses ao tempo no que contribúen ao beneficio colectivo de todas e todos con obras públicas e atencións sociais a través das prácticas deste plan formativo”.
A delegada territorial recordou que na área territorial de Vigo estanse a formar 252 persoas a través de catorce obradoiros de emprego en 11 concellos que supuxeron un investimento autonómico de 4,8 millóns de euros, colaborando coas entidades locais galegas para incrementar o emprego nos concellos.
Os obradoiros duais son o Coidando Miñor, que Gondomar comparte con Nigrán e Baiona; o taller Sustentable que promoven Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño; o Granxa da Rúa de Cangas; o Labora V de Moaña; a segunda edición do Redondela Máis que Bela; o obradoiro Porriño Labora; a nova convocatoria do Vigo Capacita; o Somos Mos; e o obradoiro forestal nos montes vigueses a cargo da Mancomunidade.
Tal que como lembrou a delegada territorial, estes obradoiros duais súmanse aos cinco para persoas mozas nos concellos de Vigo (2), Redondela, Moaña e o Val Miñor. Neste caso, os participantes, ademais de recibir formación de calidade, contan cun contrato de traballo de 12 meses de duración.