Serán todos os mércores dende o 13 de outubro e ata o 3 de novembro nos centros socioculturais de Tirán, Castelao, de Domaio e de Verducedo
A Deputación, grazas ao seu programa de Memoria Histórica ‘O Pasado Por
Vir’, vai encher de actividades e contido as xornadas ‘A represión das
mulleres no Franquismo’ organizadas pola Asociación Cultural Irmandade do
Dolmen en Moaña. O departamento dirixido pola nacionalista María Ortega
financiará a celebración de tres charlas e unha peza teatral abertas ao
público que se desenvolverán cada mércores dende o 13 de outubro ata o 3
de novembro nos centros socioculturais de Tirán, o centro Daniel Castelao, e
os de Domaio e Verducedo.
A deputada María Ortega explica que as actividades que a Deputación leva
a Moaña están dispoñibles no catálogo de actos e iniciativas ofertado ás
asociacións memorialistas e concellos da provincia co obxectivo de situar a
memoria histórica no centro do debate. Apunta que ’O Pasado Por Vir’ é un
programa plurianual que pretende reivindicar as ideas transformadoras que
estaban vixentes antes do golpe de Estado do 1936 e recoñecer “a herdanza
dunha xeración única e irrepetíbel e transmitir a idea que aínda que coa
represión e a ditadura se arrasaron os proxectos de modernidade e mesmo
se aniquilaron as persoas, as súas ideas e legado seguen vivos”.
No catálogo da Deputación inclúense proxeccións do documental ‘Acorda’ e
a exposición fotográfica sobre ‘como se fixo’ a peza audiovisual nos lugares
de memoria da provincia, teatro, obradoiros, e charlas e coloquios. A
Irmandade do Dolmen, no caso de Moaña, solicitou tres charlas vencelladas
á represión e ás mulleres, así tomo tamén a peza teatral ‘A señora de
Forcadela’ representada por Os Quinquilláns.
A primeira xornada de memoria histórica será o mércores 13 de outubro ás
19,30 horas no centro sociocultural Castrovello de Tirán, onde a a docente
Lola Varela falará de ‘Mulleres e represión franquista na Terra de Montes’,
facendo ver as diferentes facianas do sufrimento soportado por elas a causa
da súa ideoloxía disidente ou dos membros das súas familias, ao seren
levadas ao cárcere, ao exilio, a ser torturadas, extorsionadas
economicamente e, nalgún caso, a ser tratado o seu corpo como botín de
guerra.
O mércores 20 de outubro ás 19,30h no auditorio do centro social Daniel
Castelao interpretarase a peza teatral ‘A señora de Forcadela’, unha historia baseada na biografía de Josefa García Segret e doutras mulleres represaliadas na Galiza a partir de xullo do 36.
O mércores 27 de outubro, á mesma hora, e no centro Rosalía de Castro de
Domaio, falará a escritora Montse Fajardo coa charla ‘A loita das mulleres no
século XX: cen anos de conquistas e represión’, que versará sobre como
nos albores do século XX houbo un tempo novo para as mulleres que foi
truncado polo golpe e obrigou ás pioneiras a batallar de novo contra unha
ditadura que as devolvía ao ámbito do privado. A charla fai un repaso por
cen anos de historia das galegas desde o agrarismo de finais do século XIX
ata a loita en prol da democracia na que estiveron inmersas moitas mulleres
ata ben entrados os anos oitenta do século XX.
Finalmente, o mércores 3 de novembro ás 19,30h., no centro sociocultural
de Verducedo estará a historiadora María Victoria Martíns, que disertará
sobre ‘A muller de Moaña na ditadura franquista’.