No mes de marzo as doazóns caeron ata un 80% por mor da pandemia do Covid-19
A Área Sanitaria de Vigo sumouse hoxe, un ano máis, aos actos do Día Mundial do Doador de órganos. Pero fíxoo cun chamamento á doazón, despois que desde o mes de marzo caese ata un 80% con respecto ao mesmo período do ano anterior, polo COVID-19.
A recuperación das doazóns é o obxectivo que persegue tanto a Asociación de Doadores e Receptores de Órganos de Vigo (ADROVI) como a Xerencia da Área Sanitaria. De aí a importancia dos actos que se desenvolveron hoxe na zona de consultas externas do Hospital Álvaro Cunqueiro, cunha mesa informativa para concienciar á poboación da importancia de doar para salvar vidas.
A pandemia do coronavirus provocou o descenso histórico no número de doazóns. Un decrecemento máis acusado se tense en conta que a Área Sanitaria de Vigo experimentou
en 2019 un récord de doazóns.
As causas son varias, pero destacan sobre todo dous: a caída de traumatismos e dos ingresos por ictus (un 40% menos destes casos nestes meses) como consecuencia do confinamento da poboación e o temor para acudir ao hospital, e a esixencia extrema cos posibles doadores, tal como recoñece o coordinador de transplantes do CHUVI, o intensivista Lucas Lage.
Caída espectacular
Os datos rexistrados nos primeiros cinco meses deste ano non deixan lugar a dúbidas. Mentres desde xaneiro a maio de 2019 houbo 12 doadores e extraéronse 42 órganos, este ano a cifra desde xaneiro foi de 6 doadores e 19 órganos extraídos, o que supón un decrecemento dun 50%.
A diferenza aínda é maior ao comparar o período de marzo a maio en ambos os dous anos. En 2019 houbo nestes tres meses 8 doadores e 34 órganos extraídos. Este ano, só houbo 2 doadores e extraéronse 7 órganos, o que representa unha diferenza dun 75% en doadores e
un 80% en número de extraccións. A circunstancia é aínda máis rechamante se tense en conta que na Área Sanitaria de Vigo concéntrase unha de cada tres tarxetas de doadores de Galicia, cun total de 31.799 persoas, e que a taxa de negativas das familias dos falecidos está nun 12%, un punto e medio por baixo da media galega e dous puntos menos que a media española.