Colleu a testemuña da alcaldía de Vilaboa case no ecuador da lexislatura e desde entón viviu con «intensidade» para tratar de solucionar os problemas dos veciños. Agora, o seu partido volveu a confiar nel para seguir gobernando o seu pobo. Promete infraestruturas, benestar para os maiores e melloras en educación e deporte.
MN.- ¿Qué balance fai sobre estes catro anos?
CP.- Un balance moi positivo, porque traballamos arreo para poñer en marcha: os servizos que axudan a mellorar a calidade de vida das vilaboesas e vilaboeses como o novo modelo viario con máis de 36 pistas construídas, abastecemento de auga, construción de parques infantís, auditoría da rede de saneamento, etc. Todo para afianzar os dereitos da cidadanía en educación (investimento de un millón trescentos mil euros), sanidade (reclamando a reposición de prazas e investindo no mantemento do centro de saúde), igualdade (poñendo en marcha por vez primeira dun Plan de Igualdade de cidadanía e institucional, con axudas as vítimas de violencia machista), para apoiar ao deporte local con axudas aos méritos individuais e colectivos que promoven o deporte base, a igualdade e investimentos en equipamentos para recuperar o patrimonio industrial, patrimonial e natural (Forno do Cal, Salinas de Ulló e Larache, Mámoa de Castiñeiras, Roteiro dos Muíños…) e para promover e apoiar un calendario cultural-lúdico-festivo que enche Vilaboa de actividades todos os meses do ano para todo tipo de públicos (Cabalgata de Reis, Mercadiño de Nadal, Entroido de Cobres, Festa do Mar, Festa do Viños, Maios, Canteira Fest, Feira de San Martiño, espectáculos nas prazas (cine, contacontos, teatro… etc.)
MN.- ¿Cómo definiría a lexislatura?
CP.- Intensa, creo que é a verba axeitada, porque o volume de actividade e sobor de todo, o contacto diario coas veciñas e veciños e a defensa dos seus intereses diante doutras administracións ocuparon o meu tempo totalmente.
MN.- ¿Tivo dúbidas sobre se dar o paso para encabezar a candidatura do seu partido?
CP.- Ningunha dúbida, o apoio unánime dos meus compañeiros e compañeiras para liderar a candidatura e resultou agradable conformar esta candidatura, na que compañeiros e compañeiras que me acompañaron nesta lexislatura dan un paso atrás, aos que lle agradezo infinito a súa dedicación e outros compañeiros e compañeiras comprometen o seu tempo para adicarllo aos veciños e veciñas, co que tamén é xusto estar agradecido.
MN.- ¿Cómo a definiría?
CP.- A candidatura é un equipo de xente honesta, xente que sabe o que se trae entre máns, que ten os pes na terra e que ten a dose xusta de experiencia e xuventude equilibrando as parroquias na súa representación.
MN.- Se tivese que describir aos seus adversarios que palabra usaría para cada un deles?.
CP.- En termos xerais que pensan antes nos seus intereses partidarios que no interese dos veciños e veciñas de Vilaboa, senón non houberan rexeitado proxectos e investimentos importantes para Vilaboa como a oportunidade da construción do edificio anexo ao Concello no Toural, que se podía haber feito con fondos Next Generation e polo que Vilaboa perdeu a oportunidade de investimento de máis de medio millón de euros.
MN.- Tivo que negociar…
CP.- A nosa capacidade de diálogo fixo posible que puideramos aprobar dous orzamentos pactados nun caso co PP e noutro co BNG, que axudaron a executar os investimentos previstos polo equipo do goberno.
MN.- ¿Ten claro con quen non pactará nunca en caso de necesitalo para gobernar?
CP.- Honestamente creo que somos o equipo preparado para seguir gobernando Vilaboa, co aval do que xa fixemos. E ademais vamos a pedirlle aos nosos veciños e veciñas que nos den o seu apoio para gobernar sen ataduras.
MN.- Se tivese que explicar brevemente aos seus veciños cales son as súas propostas para Vilaboa ¿como o faría e cal destacaría?
CP.- O prioritario nesta nova lexislatura para nós será facer un Centro de Día para a atención as persoas maiores reformar o núcleo do Toural como centro dinamizador do Concello con espazos públicos e peonís e edificio multiusos; poñer en marcha a ansiada senda litoral “camiño do cal ao sal” que conectará o Concello a pé e en bicicleta dende Rande ás Salinas; e reformar o espazo de Riomaior, para accesibilidade ao Colexio, espazo de lecer e deportivo e conexión entre a Casa de Cultura e o Parque, como eixo vertebrador das parroquias de San Adrián e Santa Cristina.