Os representantes de AGAELA coa concelleira e colaboradores da proba esta mañá na Casa da Xuventude de Cangas.

Cangas móvese pola ELA. Farao o próximo 9 de xullo para recadar fondos para as persoas afectadas por esta enfermidade. «Cangas é un pobo solidario e é importante que non nos esquezamos que esta enfermidade existe», así o expresou a presidenta da Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA), Pilar Guimeráns, esta mañá na presentación de evento, que espera reunir a máis de 300 persoas de toda Galicia.

As inscricións nas tres probas, andar, correr e nadar, terán un custo de 4 euros e poderán realizarse anticipadamente a través do QR que aparece na web de AGAELA ou nos propios carteis repartidos polo municipio. Tamén en propio día das probas na Casa da Cultura.

A andaina comezará ás 10:15 horas e terá un percorrido de 4,2 quilómetros. Desde a Casa da Cultura pasando pola gasolineira, Punta de Rodeira e regresando novamente ao momento de inicio. Á mesma hora sairán quen opte por correr os 8,8 quilómetros que discorren desde Rodeira, Areamilla, Punta Rodeira e novamente a biblioteca municipal.

En canto aos nadadores, partirán da rampla de Ojea ata chegar á Casa da Cultura onde estará a meta dos 500 metros de percorrido.

Segundo a organización, non hai límite de idade para participar e no caso dos menores deberán ter a autorización dos pais.

En representación do Concello de Cangas asistiu a edil Iria Malvido, quen como responsable de Obras, recoñeceu «o moito que hai que facer en materia de accesibilidade» e comprometeuse a poñer todo do seu parte para avanzar nesta débeda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *