O goberno local, socias de Poza da Moura e a nova propietaria da vivenda de Laura esta mañá na mostra.

A Asociación de Mulleres Poza da Moura de Domaio, en Moaña, non quixo este ano deixar pasar a súa tradicional homenaxe á camelia e, aínda que non realizarán a exposición por mor do Covid, si quixeron «plantalas» nos xardíns situados aos pés do club de xubilados da parroquia. Varias asociadas, entre elas a presidenta, Amelia Casás, loitaban esta mañá co vento para realizar un colorido mural no que destacou un corazón central acompañado das iniciais L.A. en recordo a Laura Almuiña, impulsora da Exposición da Camelia que a asociación celebraba desde hai 15 anos e que o ano pasado tampouco non puideron celebrar pola pandemia.

O corazón en recordo a Laura Almuiña.

Almuiña, unha das persoas que máis sabía de camelias de Moaña, faleceu o pasado mes de setembro por mor dunha longa enfermidade que lle retiraba da primeira liña aínda que seguía vinculada ao colectivo pola súa paixón por este tipo de flor. De feito, na mostra celebrada en xaneiro de 2020 si asistiu para acompañar ás súas compañeiras.

A alcaldesa, Leticia Santos, xunto a varios membros do goberno local asistiron esta mañá para visitar a mostra. Tamén acudiu a nova propietaria da vivenda que Laura Almuiña tiña en Domaio e na que tanto ela como o seu marido cultivaran e coidado dous centenares de variedades de camelias. Unha mostra delas estaban hoxe no parque do Souto, xunto ao paseo.

As mulleres de Poza da Moura esta mañá poñendo a mostra de camelias.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *