As actividades desenvolveranse nas noites semanais de xullo e agosto e percorrerán as tres parroquias, co obxectivo de “achegar a cultura sen
límites xeográficos”
O Concello de Bueu presenta por segundo ano consecutivo o programa de actividades do ‘Espazo Convida 21’, que ofrecerá durante os meses de xullo e agosto diversas alternativas de ocio e cultura para a rapazada e as familias. Segundo apunta Xosé Leal, concelleiro de cultura, “o cinema, as artes escénicas e a música chegarán a lugares das tres parroquias, cun claro obxectivo de deslocalizar os eventos e que a cidadanía poida gozar da cultura sen límites xeográficos”. Así mesmo, “o programa, financiado con cargo á Deputación de Pontevedra, amplíase co teatro para persoas adultas, e cunha clara perspectiva de xénero”, salienta o edil nacionalista.
No marco do Espazo Escénico todos os martes de xullo e agosto terán lugar actividades de teatro para público familiar; os mércores, o cinema trasladarase á rúa, con horario ás 22.30 h en xullo e ás 22.00 h, en agosto; os xoves, ás 21.30 h, as persoas adultas poderán gozar de obras de teatro e monólogos; e xa os venres, a música fará vibrar os principais espazos da vila, tamén a partir das 21.30 h.
Ao igual ca o ano pasado, o Concello establecerá medidas para cumprir con todos os protocolos Covid-19 da Xunta de Galicia e facer que a cultura poida gozarse en espazos seguros, de aí que se aposte polos lugares ao aire libre. Así mesmo, controlarase o aforo e levarase a cabo a desinfección de todas as cadeiras, que estarán perfectamente separadas e limpas, e tamén se recomenda que a cidadanía se inscriba previamente a través dos formularios habilitados na páxina web www.concellodebueu.gal.
As actividades comezarán o próximo sábado, 3 de xullo, ás 21.30 h, na Praza Massó onde soará a música de García MC e Nación Quilombo (o venres terá lugar o espectáculo ‘A drag pandeiretera” con Meiga-i no marco das Xornadas pola Diversidade Afectivo – Sexual). O martes 6 de xullo, a compañía Inventi Teatro escenificará a obra “A tropa do Doutor Milagre” ás 21.30 horas na Praza Massó, unha sesión para a cativada e as persoas maiores que, con humor e retranca, conta as solucións máxicas que ofrece o Doutor Milagre aos seus pacientes: espumosos xampús, elixires fertilizantes ou inxeccións máxicas. O 7 de xullo, ás 22.30 h, a Praza Massó acollerá a proxección do filme “Uno para todos”, no que atopamos a historia dun profesor interino que asume a tarefa de ser titor dunha clase de sexto de primaria nunha vila completamente descoñecida para el.
O xoves 8 de xullo, ás 21.30 h, Isabel Risco fará escachar coa risa ás persoas adultas co seu espectáculo “Nabiza Girl”, que se desenvolverá na Praza Massó. Nel coñeceremos a Chelo García Naveira, coñecida como Nabiza Girl, unha superheroína rural galega con denominación de orixe protexida e poderes que proveñen do sulfato.
Programa de eventos