Repintado das prazas de aparcadoiro no cemiterio.

O alcalde solicita a colaboración cidadá para que se intente visitar os cemiterios os días previos ao 1 e 2 de novembro co fin de evitar as aglomeracións de persoas

O Concello de Bueu implementa durante este mes de outubro un plan de actuación para a posta a punto dos cemiterios municipais de cara ao Día de Defuntos. Félix Juncal, alcalde da vila e concelleiro de Obras e Servizos, destaca que se reforzou a limpeza tanto do interior como da contorna, e tamén se están revisando as luminarias.

Así mesmo, unha empresa especializada en sinalización viaria xa se atopa dende a semana pasada renovando o pintado das prazas de estacionamento que se atopaban en mal estado, tanto no cemiterio de Bueu como no de Beluso. A iso hai que engadir a adquisición dun lote de contedores que o Concello repartirá: concretamente, contaranse con quince de 800 litros de capacidade e outros tantos de 240 litros.

Dende a Alcaldía solicítase a colaboración cidadá para que se actúe con responsabilidade. “É importante que, na medida das nosas posibilidades, visitemos os cemiterios nos días previos a Defuntos, co fin de evitar as aglomeracións”.

Segundo se recolle no Bando da Alcaldía, prégase realizar unha utilización correcta dos contedores e demais equipamento municipal instalado nos cemiterios. E ademais, a cidadanía deberá ter en conta o operativo especial de regulación do tráfico que se establecerá durante eses días nos viais e zonas de acceso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *