O acto será ás 20.00 horas na mesma sala e incluirá unha charla con Juan Castro, arqueólogo responsable da escavación, e Iria Pazos, arquitecta autora do proxecto
Bueu xa conta coa súa sala dedicada aos restos romanos e, concretamente, ás ánforas que converten esta vila na única de toda a Península Ibérica con presenza dun forno destes materiais, que é unha peza clave para comprender como se fabricaban os recipientes que se empregaban para exportar as salgaduras por vía marítima. A Sala do Bueu Romano de Pescadoira presentarase este xoves, 3 de setembro, nun acto público ao que se convida a toda a cidadanía a asistir. A xornada será ás 20.00 horas na mesma sala e nela incluirase unha charla a cargo de Juan Castro, arqueólogo responsable da escavación, e Iria Pazos, arquitecta autora do proxecto.

O Concello, consciente da necesidade de recuperar a historia romana da vila, acometeu as obras de escavación e posta en valor dos restos atopados en Pescadoira, uns traballos que comezaron no 2022, con máis de 150.000 euros de orzamento, e que contaron coa subvención da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. A actuación completarase cunha segunda fase de cubrición dos restos, grazas á axuda da Deputación de Pontevedra a través do Plan + Provincia. Precisamente, e co fin de dar a coñecer esta sala, dende o mes de xullo organizáronse visitas diarias guiadas que contaron con gran interese por parte da poboación local e visitante. Esta apertura provisional levouse a cabo durante este verán, pendentes de que se execute a segunda fase que permitirá a apertura total.
Coa intervención en Pescadoira recupérase este patrimonio vinculado á historia mariñeira de Bueu, co que se completa a oferta museística da vila. A través dela percórrese cronoloxicamente a historia da pesca no municipio, pois empezando pola visita á Sala de Interpretación do Bueu Romano, a vila transfórmase nun gran museo do mar que nos leva ata lugares tan característicos como a Salgadura de Mourisca, o Estaleiro de Purro, única carpintaría de ribeira que se conserva en toda a ría de Pontevedra, ou o Museo Massó.

