Reunión onte cos veciños.

Amais do camiño, o Concello reforzará a sinalización vertical e habilitaranse zonas de aparcadoiro con cabida para sesenta vehículos

O Concello de Bueu comezará a próxima semana coas obras de acondicionamento do coñecido como Camiño da Carrala, que vai dende Sar ata Cabalo, e que permitirá solucionar os problemas de embotellamentos de vehículos que se producen no verán no acceso á praia de Tuia.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantivo este xoves pola tarde unha reunión coa veciñanza de Sar e de Cabalo, na que se comprometeu a adoptar solucións urxentes de cara á tempada estival, a máis importante das cales pasa polo trazado dun circuíto de entrada e saída para as persoas visitantes, que entrarían pola zona da Rosa ata o núcleo de Sar e terían que saír polo Camiño da Carrala, próximo ao cal tamén se vai habilitar unha bolsa de aparcadoiro con cabida para unhas sesenta prazas. Iso si, as e os residentes do lugar de Sar, na parroquia de Beluso, poderían seguir circulando en dobre sentido, “unha fórmula que cambiaríamos no caso de detectarse algún problema ao longo do verán”.

Diante de máis dunha cincuentena de veciñas e veciños, Juncal fixo fincapé no
compromiso do Concello para reforzar a seguridade nesta zona, na que se vai
incrementará a sinalización horizontal e vertical, a través da colocación de sinais máis grandes nos que se prohiba o acceso a caravanas e autocaravanas así como o estacionamento a ambos lados do vial, amais da construción dalgún paso elevado. Con iso conseguiríase aliviar o problema e asegurar que a veciñanza da zona poida entrar e saír das súas vivendas con plenas garantías.

O alcalde, que estivo acompañado na reunión de varios membros do goberno, salientou que “cando se asfaltou hai anos o vial de acceso a Sar o tráfico empezou a desbordarse, unha situación que o ano pasado foi especialmente grave e pola que a veciñanza e o Concello mostramos gran preocupación”. Foi por iso que o consistorio comezou a explorar alternativas dende o primeiro momento, como a prohibición de baixada dos vehículos á praia nas fins de semana, o incremento do control policial, ou a preparación do camiño que agora se vai acondicionar e que permitirá reducir os atoamentos de tráfico.

Con estas propostas, o Concello agarda poder solucionar este problema, aínda que o alcalde se comprometeu a ir analizando o avance da situación no verán e a adoptar as medidas necesarias en cada momento.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *