A contorna da igrexa de San Martiño.

O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación para as obras de axardinamento da contorna da igrexa de San Martiño de Bueu, o que fora o antigo cemiterio. As empresas interesadas en acometer esta actuación poderán presentar as ofertas económicas ata o 17 de outubro, segundo consta no anuncio publicado na Plataforma de Licitación do Sector Público. O orzamento de licitación ascende a 135.531,29 euros, IVE engadido, e as obras contarán co apoio financeiro da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2021.

Dende hai anos, este espazo atópase sen ningún aproveitamento en un estado de abandono, de aí que o goberno local decidise apostar por este proxecto que pretende poñelo en valor a través dunha solución integral e transformadora. Así, vaise construír un muro de contención superposto ao actual na zona próxima ao vial do Valado e unas escaleiras que conectarán con esa zona e que permitirán dispoñer de dúas zonas de miradoiro a distintos niveis. Tamén se vai manter o panteón existente e as árbores actuais, e crear un miradoiro ao norte aproveitando a zona do muro perimetral parcialmente derruído.

O proxecto contempla ofrecer unha solución ao desnivel entre a parcela e o atrio da igrexa cun muro banco, e actuar na parcela a través de elementos de tratamento superficial como axardinamento, trazado de sendeiros perimetrais con acabado en xabre consolidado e o sendeiro central e a zona do miradoiro pavimentados en pedra, con pendentes variables que se adapten á topografía actual do terreo. Por último, colocaranse tres bancos na zona do miradoiro e outros tres no sendeiro interior da zona axardinada, e executaranse as instalacións de saneamento, alumeado, recollida de pluviais e rego.

O Concello pretende seguir actuando nos espazos verdes para ofrecer alternativas de lecer á cidadanía, tal e como se conseguirá con esta obra.

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí