As empresas dispoñen ata o 21 de xuño para presentar as ofertas económicas, e o orzamento base ascende a 120.931,34 euros
O Concello de Bueu vén de abrir o prazo de licitación do servizo de prevención, vixilancia, salvamento, socorrismo e primeiros auxilios nas praias para a tempada estival. As empresas interesadas disporán ata o 21 de xuño ás 23.59 horas para presentar as súas ofertas económicas, sobre un orzamento base de 120.931,34 euros, IVE engadido.
O contrato servirá para cubrir a prestación do servizo nas praias de Bandeira Azul da vila morracense, é dicir, Area de Bon, Lagos, Banda do Río, Portomaior e Lapamán, dende o 1 de xullo ao 15 de setembro. Para iso, a empresa que resulte finalmente seleccionada terá que contar con 15 socorristas a xornada completa de luns a domingo e un coordinador ou responsable do servizo tamén a xornada completa durante toda a semana.
O Concello de Bueu, e tal e como consta na memoria xustificativa asinada por Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, “precisa dotarse dos servizos de salvamento e socorrismo nas praias do Bueu na tempada estival de 2022 mediante a subscrición dun contrato administrativo de servizos, por carecer de persoal especializado coa titulación adecuada no seu cadro de persoal, polo que non lle resulta posible prestar ditos servizos con medios propios”. Así, aínda que o resto de anos este servizo se cubría a través dunha contratación laboral, a entrada en vigor do “Real Decreto Lei 32/2021, de 28 de decembro, de medidas urxentes para a reforma laboral, a garantía da estabilidade no emprego e a transformación do mercado de traballo”, impide que se poida seguir levando a cabo desa forma, e de aí que se acuda á licitación polo procedemento de urxencia.
Unha vez que finalice o prazo de presentación das ofertas, está prevista a mesa de contratación para o 22 de xuño, cando se abrirán os sobres coas ofertas económicas e outros criterios valorables.
Toda a información atópase na Plataforma de Contratación do Sector Público , con ligazón dende a web municipal.