Fecimo presenta a iniciativa solidaria de colaboración coa “Asociación Superhéroes del Morrazo» e o estudio creativo “LALOLA” para a produción e venda de bolsas solidarias que estarán dispoñibles no Comercio Local do Morrazo. Esta iniciativa englóbase dentro do programa de accións “Comercio e Corazón” co que a Federación de Comerciantes quere por en valor a importancia do comercio local na vida social das nosas vilas.
A primeira hora desta maña tivo lugar o acto de presentación das bolsas dos “SuperHeroes do Morrazo” que a partires do martes 10 de maio estarán á venda nos Comercios do Morrazo rexistrados como punto de venda.
Na presentación participaron as delegadas da “Asociación SuperHeroes del Morrazo”, asociación que traballa co propósito de acompañar e axudar os/as pequenos/as con diversidades funcionais de familias do Morrazo; As creativas da axencia “LALOLA”, encargadas de realizar o deseño da bolsa e supervisar a súa produción, así como, a presidenta da Federación de Comercio do Morrazo, entidade que financiou a produción e levará a cabo nos próximos días a distribución das mesmas entre os asociados que o soliciten e que contribuirán así a esta labor solidaria servindo como puntos de venda.
O “Pack” que estará dispoñible nas tendas colaboradoras a partires do vindeiro martes 10 de maio, ten un custo de tan so 5 euros e estará composto por una bolsa de algodón ecolóxico que presenta un deseño exclusivo dos “SuperHeroes del Morrazo”, unha chapa do Comercio do Morrazo e un tarxetón explicativo da campaña Estes debuxos, creados expresamente pola axencia LALOLA en colaboración coa asociación, “Asociación SuperHeroes del Morrazo”, representan personaxes loitadores, especiais e cheos de forza e coraxe que dia a día loitan baixo as súas máscaras, paralelismo, cos pequenos e pequenas da asociación que cada día na súa constante loita por mellorar son os ”verdadeiros superheroes e superheroinas”.
Dende tódalas partes implicadas no proxecto faise un chamamento aos clientes para colaborar nesta iniciativa e contribuír á recadación de fondos que irán destinados aos pequenos e pequenas da comarca que máis o necesitan. Para facilitar esta labor e poder identificar os puntos de venda, dende maña sábado, na web de Fecimo www.fecimo.es, estará visible un enlace para poder localizar as tendas nas que as persoas interesadas poderán adquirir as bolsas solidarias. Igualmente, para os usuarios máis tecnolóxicos, Fecimo habilitará a opción de venta online no MarketPlace do “Comercio do Morrazo”, www.compranomorrazo.com, onde os clientes poderán comprar a súa bolsa. Esta modalidade de venda On‐Line estará só dispoñible na modalidade de RECOLLIDA POR PARTE DO CLIENTE na oficina de Fecimo situadas en Cangas do Morrazo, na Avenida de Vigo 91 baixo.