Participan 10 establecementos do municipio e cada un deles ofrece tres propostas gastronómicas por 3,50 cada unha
Música e gastronomía fusiónanse esta primavera na `Ruta de Tapas de Primavera´ que organiza a Asociación de Hostaleiros de Moaña e que arrincará o vindeiro mércores 11 de maio no Bar Moaña. Tras él, o 13 farao o Bar Xardín, o 20 o Bar Eladio, o 25 Piscis de Domaio, o bar Palito dedicará a xornada do 27 de maio a esta iniciativa e A Carriola farao o 3 de xuño. Muxicas preparará as tapas o 8 de xuño, A de Sandro o 10, Casa Adriano o 17, A Cibeles o 22 e pechará novamente o Piscis na terraza o 29 de xuño. Todos estes establecementos ofrecerán actuacións en directo para amenizar a degustación, que terá lugar de 20:00 a 23:00 horas.
Cada local ofrecerá tres propostas diferentes de tapa que o cliente poderá consumir por un prezo de 3,50 euros. Os pratos estarán elaborados de produtos típicos da Moaña mariñeira e os comensais atoparán desde empanadas diversas ata fabas con ameixas, espetadas de lura ou rosca de paté de mexillón.
Directivos da Asociación e membros do goberno local como a concelleira de Promoción Económica, Coral Ríos, e a alcaldesa, Leticia Santos, presentaron este Roteiro nos xardíns do Concello. «Vai axudar a reactivar a economía local e a dinamizar a cultura tras a pandemia», manifestou a rexedora, quen recoñece que foron dúas dos sectores máis castigados polo confinamento.
Pola súa banda, Ríos mostrouse positiva asegurando que «non todo foi malo coa pandemia» en relación a que grazas a este complicado momento que atravesou o sector en Moaña produciuse unha «unión» que desembocou no nacemento da Asociación de Hostaleiros de Moaña hai menos de dous anos. Un colectivo que desde os seus inicios estivo en permanente contacto co Concello.
Nova web
A Asociación está de dobre parabén porque ademais de presentar a Ruta tamén fixo pública a súa nova web, elaborada por Fernando Rúa, quen manifestou que aproveitou o peche polo Covid para «reciclarse» e poñerse ao día coa informática. O propio Rúa describiu a plataforma como un espazo no que todos os asociados poidan ter un oco na internet. E é que desde a páxina cada un dos establecementos teñen acceso á súa propia web que poden actualizar como consideren. Pero, sen dúbida, trátase dunha oportunidade para que os veciños e veciñas e tamén os visitantes poidan elixir o lugar no que van comer ou a cear. Unha xanela de posibilidades que chega como un respiro pospandemia.