Comunicado da Adeac ao Concello informando dos motivos da retirada da Bandeira Azul á praia de Rodeira.

A concelleira de Turismo de Cangas, Aurora Prieto, acusa á oposición (PP e PSdeG) de «faltar á verdade» cando culpa ao goberno local da perda da Bandeira Azul para a praia de Rodeira. «Non é como din, non houbo ningún erro, solicitouse como sempre», afirma a edil e alude á comunicación remitida pola Adeac o pasado mércores e publicada en Morrazo Noticias, na que de forma moi clara manifesta que ou motivo é o “incumprimento dun criterio imperativo: as actuacións levadas a cabo na praia durante o verán de 2021 son contrarias á protección e rexeneración do sistema dunar. Esperamos que o sistema dunar restablézase para que poida ondear de novo a Bandeira Azul nesta praia, se se cumpren o resto de criterios”, relatan no escrito enviado ao Concello no que o presidente da Adeac advirte de que a decisión é «irrevogable», polo que o Concello non pode volver solicitar o galardón para Rodeira.

Cabe lembrar que foi o ataque ás dunas deste areal o que provocou a saída do PSdeG do goberno local tras o cesamento fulminante de dous dos seus concelleiros por parte da alcaldesa, Victoria Portas, tras responsabilizarlles dunha actuación que puxo en pé de guerra a parte da oposición e tamén aos colectivos ecoloxistas. Tamén a consellería de Medio Ambiente da Xunta acabou actuando e a alcaldesa tivo que reunirse de urxencia coa xefatura provincial de Costas para tratar de poñer solución a esta agresión mediante a toma de medidas para a súa rexeneración.

Prieto defende que o seu interese e «preocupación» é a «seguridade» de todas as praias de Cangas, teñan ou non Bandeira, e lembra que xa está aprobado o Xunta de Goberno a prórroga do balizamento dos areais. Tamén manifesta que se está buscando unha solución para os socorristas tras rescindir unilateralmente o contrato a empresa encargada deste servizo por cuestións económicas. «Non temos ningunhas negociacións escuras», afirma. Por último, aclara que o vial a Melide non está contemplado na partida do Plan Concellos porque non é competencia do Concello. Precisa que o tramo no que se pretende actuar parte da Buguina cara arriba.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *