O centro cultural estará finalizado en 2024 e supoñerá un investimento total de 4 millóns de euros
No Concello de Marín, a poucos metros de onde se levantará o futuro Auditorio da localidade, tivo lugar un acto oficial no que Concello e Xunta asinaron o acordo polo que a Administración Autonómica financiará o 50 por cento dos catro millóns que custará construír este centro cultural do que o municipio carecía. Dous millóns de euros cos que se «tratará de proporcionar ao consistorio o financiamento necesario para a posta en marcha deste proxecto que ten un marcado carácter integrador, social, económico e cultural para o noso concello. Necesitabamos este convenio para seguir adiante», explicou a alcaldesa, María Ramallo, durante o acto no que tamén estivo presente o estudo encargado do proxecto, Naos Arquitectura.
Xunto a ela, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, quen cualificou o edificio cultural como o «buque insignia da dinamización cultural de Marín» que en 2024 estará finalizado e ao dispor dos veciños. Unha infraestrutura «primordial» para o municipio da que, o propio Rueda, recoñeceu «houbo que traballar moito para chegar a este día». «Era unha anomalía que non houbese unha instalación como a que se vai construír agora», engadiu.
A construción do Auditorio é unha das obras máis importantes do Marín Dusi, a estratexia de desenvolvemento urbano sostible para a que a vila conseguiu o cofinanciamento dun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea. A humanización da Avenida de Ourense e a remodelación do Paseo Alcalde Blanco son os outros dous grandes proxectos desta estratexia.