Estaleiro da Banda do Río.

A mesa de contratación reuniuse este luns para propoñer a Construcciones e Ingeniería Messi como adxudicataria do contrato, que se divide en dous lotes e que consta de traballos de urbanización exterior e urbanización

As obras da segunda fase de rehabilitación do Estaleiro da Banda do Río comezarán nas próximas semanas, logo de que a mesa de contratación propuxese este luns a Construcciones e Ingeniería Messi como empresa adxudicataria do contrato. A empresa presentou a documentación requirida e levará a cabo a execución dos dous lotes no marco das subvencións do Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra: o primeiro, de urbanización exterior e remate, consta dun importe de 44.533,14 euros, IVE engadido; e o segundo, que consiste na musealización, de 57.615,47 euros, IVE engadido.

Félix Juncal, alcalde de Bueu, apunta que “é probable que a inicios de febreiro poidamos comezar con estas obras, logo de que se aprobe o contrato na Xunta de Goberno Local”. Estes traballos de musealización complementarán a rehabilitación que se rematou no 2018 e que permitiu que se iniciase a posta en valor dunha instalación “de alto valor patrimonial”, segundo salienta o rexedor.

O Estaleiro da Banda do Río, tamén coñecido como de Purro, atópase a carón da praia da Banda do Río e está ligado intimamente coa historia marítima recente da vila bueuesa. Foi a derradeira carpintería de ribeira en activo, nela traballaron e se formaron moitos profesionais e veciños; e tamén se construíron infinidade de embarcacións.

O seu peculiar aspecto converteuse en parte da paisaxe urbana de Bueu, actuando como referente da cultura mariñeira. A súa imaxe é vínculo de unión entre o pobo de Bueu e o seu pasado, sempre vencellado aos barcos e ao mar.

A rehabilitación supón a posta en valor dun patrimonio industrial tradicional, dos elementos da arquitectura tradicional mariñeira a través do proxecto museístico previsto e ao mesmo tempo de aparellos e ferramentas de traballo.

Ademais a conservación deste patrimonio marítimo contribuirá á diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima, cara actividades de turismo sostible e creación de emprego no sector turístico e cultural, a través do impulso de actividades de índole cultural e turística. Actualmente atópase en fase de rehabilitación.

Este proxecto compleméntase con outros como a rexeneración da contorna de Ermelo forman parte ou a inminente construción da Sala Arqueolóxica de Pescadoira, un proxecto este que se levará a cabo mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello. Todos eles poñen de manifesto o apoio do goberno local cara ao patrimonio histórico, natural e cultural da vila.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *