As mulleres do BNG na comarca do Morrazo, no exterior da fábrica de Massó.

A Comisión de Acción Feminista do BNG do Morrazo presentou a campaña
coa que queren chamar á “mobilización das mulleres este 8 de marzo” baixo o lema “sostemos o presente, cambiemos o futuro: igualdade, liberdade, feminismo” xa que consideran que se algo demostrou a pandemia da Covid-19 e esta crise sen precedentes é a importancia da nosa forza para soster o presente pero tamén a profunda desigualdade deste sistema económico e social que debe ser contestado a través da acción conxunta das mulleres.”

As mulleres do BNG escolleron para esta presentación a fábrica de Massó “polo seu simbolismo na comarca do Morrazo e pola vinculación de centos de mulleres ao sector do mar.”

As nacionalistas consideran que a pandemia “fixo visíbel o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade. Estes empregos están ocupados maioritariamente por mulleres e son, ademais, os máis precarios e invisibilizados. As caixeiras, as limpadoras, as traballadoras domésticas, as coidadoras de diferentes ámbitos, as sanitarias, entre outras, foron visíbeis no comezo desta crise e aparentemente recoñecidas social e institucionalmente” sen embargo, engaden “un ano despois as súas condicións laborais, económicas e sociais non melloraron, senón ao contrario. Hoxe estes sectores sofren un maior impacto pola precariedade das súas condicións, uns servizos públicos mermados e a carencia de medidas efectivas por parte da Xunta de Galiza e o goberno central».

Concentracións do día 8 de marzo nos concellos

Dende o BNG do Morrazo farán actividades de difusión e concienciación e acudirán
ás concentracións do día 8 de marzo nos concellos da comarca, nas que se respectarán “todas as medidas de seguridade, mantendo distanciamento social e uso da máscara”, porque entenden que “é necesaria a presión social para que ás institucións escoiten as demandas do feminismo galego e comprometan recursos para corrixir as desigualdades que se agravan na Galiza de 2021” polo que fan un chamado “a todas as mulleres” para “non permitirmos que a pandemia sexa a coartada para conxelar avances sociais nin para retroceder nos nosos dereitos, nin para seguir mantendo colectivos de mulleres na marxinalidade como as migrantes ou as mulleres transexuais” e engaden “esta crise non podemos pagala as mulleres. Hoxe, as que sostemos o presente debemos saír ás rúas e facer folga para cambiar o futuro, das que veñan, un futuro de igualdade, liberdade e feminismo.”

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *