A pancarta no Concello de Vilaboa polo 25N.

O Concello aproba o I Plan de Igualdade con medidas concretas para garantir as mesmas oportunidades de traballo para homes e mulleres na administración local

O Concello de Vilaboa ven de aprobar o I Plan de Igualdade para a plantilla de traballadores e traballadoras da administración local que terá unha vixencia de 4 anos e que recolle unha serie de medidas a aplicar, algunhas de xeito inmediato e outras de forma progresiva, para garantir a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo e saúde laboral, na prevención do acoso laboral, na protección en caso de violencia de xénero, na conciliación, nas retribucións, na formación, no desenvolvemento da carreira profesional ou no proceso de selección.

Este Plan de Igualdade partiu dun estudo de diagnose que se fixo tras analizar a realidade e a situación dos traballadores e traballadoras municipais desde unha perspectiva de xénero. O estudio tomou como referencia o ano 2020, no que prestaron servizo para o Concello un total de 53 persoas, das que 26 foron mulleres (49,06%) e 27 foron homes (50,94%). Sen embargo, este estudio arroxou como primeiro dato curioso que a representación de mulleres en postos de decisión é en Vilaboa moi superior á media do resto de entidades locais cun 54%, mentras que a media en España é do 36,39% e en Galicia do 40,77%.

O estudo detectou tamén aspectos como que o persoal funcionario representa o 30% da plantilla do Concello e o 37,5 % son mulleres frente a un 63% de homes, mentras que a proporción no persoal laboral é do 56% de mulleres frente a un 42% de homes.

Outro dato que se extrae do estudo de diagnose é que hai postos de traballo que están masculinizados, como os peóns e albaneis adscritos a Urbanismo, Medio Ambiente, Obras e Servizos Básicos. Son en total 13 persoas traballadoras das que 5 son mulleres (o 38%) e 8 son homes (62%). En canto aos postos de limpiador e limpiadora, os dous adscritos aos departamentos anteriores son homes mentras que os peóns e peonas da unidade de limpeza que traballa fora do Concello (centro de saúde, CPI, Galescola, etc) e en limpeza en xeral son 8 personas, das que 7 son mulleres (87,50%) e 1 home (12,50%). Están, por tanto, feminizados.

En canto ao procedemento de contratación o estudo detectou que as mulleres só presentan a súa candidatura para o posto de limpador ou limpadora mentras que os homes o fan para todos os postos ofertados, incluido o de limpeza.

No apartado de retribucións o estudio recolle que as diferenzas que se perciben proveñen da posición que ocupan as persoas traballadoras na entidade, que retribúe segundo o nivel asignado en función do grupo profesional e posto de traballo que desempeña.

O I Plan de Igualdade pode consultarse na súa totalidade na web do Concello, www.vilaboa.org.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *